Estrea das curtametraxes ´O hospital´ e ´Area nos ollos´ no Centro Comarcal do Salnés

21-01-2008 

As curtametraxes O hospital e Area nos ollos, de Iván Seoane, estrearanse o vindeiro venres día 25 de xaneiro, ás 22h00, no Centro Comarcal do Salnés, en Cambados. Unhas curtas de xénero cun excelente conxunto actoral que contou cunha axuda da Consellaría de Cultura e Deporte para a súa produción. A entrada é de balde ata completar aforo.

O HOSPITAL (2007) foi gravada en condicións de grande dificultade no antigo Hospital Xeral sito na rúa Galeras en Santiago de Compostela. A cinta narra a historia de catro atracadores rodeados de fenómenos paranormais.

Esta curta, conta coa colaboración dalgúns actores galegos como Antonio Mourelos, Monti Castiñeiras, Antonio Durán Morris e José Barato.

Pódese tamén destacar na rodaxe a colaboración dun dos grandes técnicos cinematográficos, Enrique Banet.

Mentres, AREA NOS OLLOS. A LOITA POR BALDAIO 30 ANOS DESPOIS (2007) é unha curtametraxe documental que tenta ser un exercicio de memoria histórica sobre un dos acontecementos máis importantes vividos no concello de Carballo ná decada dos setenta.

Ambalas dúas produccións serán estreadas grazas a malla de espazos que conforman a REDestreas, un circuito de exhibición non comercial que a Axencia Audiovisual Galega e os concellos de importantes vilas galegas poñen ao servizo de creadores e produtores que desexen estrear os seus filmes.

  •  
    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade