Presentación d´O diario de Berto´, de Deboura Deseños Animados

16-05-2008 No fin de semán das letras galegas presentarase no MARCO de vigo os persoaxes do proxecto O DIARIO DE BERTO de Roque Cameselle con motivo do Día Internacional dos Museos.

Con motivo do Día Internacional dos Museos (DIM), o MARCO de Vigo acolle nas súas instalacións ao equipo de animación da produtora Deboura, que presentará ante o público a serie de debuxos animados en 2D “O diario de Berto”.
Ao longo desta mostra, que terá lugar os días 17 e 18 de maio, todo o público que visite o museo poderá ser testemuña de cómo se elabora a animación tradicional feita debuxo a debuxo; ademais de cómo se compoñen as secuencias de imaxes nas que conflúen os movementos das personaxes, os obxectos e os escenarios, todos eles debuxados vintecatro veces por segundo.
Trátase dun laborioso traballo que sempre chega a bo termo coa paciencia infinita duns debuxantes implicados na elaboración das máis de dezaoito mil poses necesarias para elaborar cada capitulo de trece minutos. Todo isto poderase ver en directo ao longo desta fin de semana no MARCO de Vigo, onde os membros dun pequeno equipo, dos trinta e oito debuxantes que traballan na produtora viguesa, farán quendas para amosar e explicar, tanto aos adultos como aos máis cativos, cal é seu traballo e cómo se leva a cabo.
Debido á grande cantidade de público que normalmente acude a estas instalacións durante o DIM, pasarase un resumo dos dous primeiros capítulos da serie, en pantallas preparadas ao efecto, así como recreacións visuais máis amplas deste complexo traballo. 
A serie foi presentada recentemente no festival bilbaíno Animabasauri-Animabasque e no Cartoon Movie de Berlín, este último nunha visita promovida polo CLAG (Clúster Audiovisual Galego), onde tivo una grande acollida por parte de distribuidoras e televisións de todo o mundo. 
O proxecto escollido para esta mostra é a serie para televisión na que a produtora está a traballar actualmente e que leva por título “O diario de Berto”. Este traballo, que pronto verá a luz nos televisores de todo o país, atópase claramente influenciado polos bonequiños rusos creados na Europa do Leste nos tempos da Guerra Fría. Estes debuxos caracterizábanse por facer a miúdo referencia a cuestións didácticas ou éticas, ademais de seren entretidos e graciosos.  
A historia de “O diario de Berto” xira arredor das reflexións  dun neno de oito anos, cunha grande sensibilidade e imaxinación, que decide apuntar no seu diario todo o que acontece ao seu arredor. Moi vinculado ao lema que presenta este ano o DIM, “Os museos como axentes de cambio social e desenvolvemento”, a personaxe de Berto invita aos máis pequenos a pensar sobre os problemas que cada día se lles presentan, algunhas veces como muros insalvables relacionados coa convivencia, nunha sociedade urbana e deshumanizada.  
Berto posúe unha lóxica reflexiva extraordinaria e unha sensibilidade especial de cara ao seu entorno; un entorno completamente plural, como a realidade mesma. A través dos seus ollos, pódense apreciar moitas das características que veñen marcando os vertixinosos cambios sociais que remataron modificando, por exemplo, o escenario tradicional da familia. Así, a serie detense nas novas formas de convivencia, na tolerancia entre distintas razas, na existencia de familias monoparentais, nos malos hábitos alimenticios ou na incorporación da muller ao traballo.  
“O Diario de Berto” está escrito e dirixido por Roque Cameselle. A experiencia avala a este mozo, que xa leva ás súas costas un currículo repleto de premios literarios, ademais dunha experiencia no medio audiovisual que vai dende a dirección de curtametraxes á escritura de guións.  Con tan só 26 anos de idade, xa ten rematada a súa primeira longametraxe de animación, “O mago Dubidoso”, que será estreada comercialmente en cines de toda España o próximo outono. 
En definitiva, este proxecto quere ser unha nova ollada de cara á infancia dun mundo no que as relacións familiares mudan máis apresa do que o fan as normas sociais ou os contidos educativos. Aínda así, a serie non esquece a nota do humor para toda a familia, ademais do seu  compoñente social e unha calidade artística digna de ser amosada. Todo isto será retratado a través dunha pequena personaxe, creativa sen límites, e que sempre dá renda solta ao seu maxín. 

  •  
    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade