22-05-2008
Cartas italianas é o último filme de Mario Iglesias que se vai a estrear hoxe pola noite no Festival de Cans no Porriño. Mario Iglesias enfronta, unha vez máis, a súa creatividade desbordante empregando a ferramenta dixital coa incapacidade de atopar ocos de distribución para os seus filmes.
O prolífico realizador pontevedrés realizou Cartas Italianas durante o laboratorio do Festivalito das Palmas. Unha turista italiana atópase na illa canaria cun delincuente galego que pretende abrir mercado nas Palmas. Personaxes fuxindo de algo, illados nunha illa que se recoñecen na súa soidade.
Mario Iglesias volve a historias intimistas contadas cun forte realismo explotando as posibilidades do audiovisual dixital. Con esta adecuación ao medio fai de Mario Iglesias un realizador estigmatizado, incapaz de atopar ocos na moribunda canle clásica de distribución de cinema. Mais isto é necesario?
O director de Madres e De Bares afronta a realización audiovisual intentando materializar as súas ideas sen sopesar a súa viabilidade económica. Así, na actualidade tamén está a punto de estrear Catalina e está metido de cheo na produción de Relatos.
O audiovisual galego está de sorte por contar con autores que creen nas súas historias!