03-06-2008
O Cineclube de Compostela volve organizar unha sesión dedicada ao cinema galego, coa proxección do filmes de Margarita Ledo Cienfuegos 1913 e Para Lister. A sesión, que vai ter lugar este mércores 4 de xuño, vai contar coa presenza da directora, que ven de recibir o Premio Nacional da Cultura Galega na categoría de Cinema e Audiovisuais, para comentar estas dúas fitas co público asistente. A proxección vai realizarse, como sempre, no horario das 22h00, no Centro Social O Pichel (Santa Clara, 21).
Cienfuegos, 1913 é unha correspondencia entre Ledo Andión e a directora cubana Belkis Vega, profesora de documentario na Escola de Cinema de San Antonio de los Baños e cuxo traballo destaca especialmente no campo do documentario e a reportaxe xornalística. A fita está encadrada no proxecto Órbitas Cruzadas, no que, co gallo da presenza galega na Feira do libro da Habana, se estabeleceron proxectos conxuntos entre realizadores galegos e cubanos. O documentario, a través dos recordos da nai da realizadora galega, percorre a presenza galega na illa caribeña.
Durante a primeira estadía de Vega en Galiza, hai 15 anos, a nai de Margarita Ledo Andión, nada en Cienfuegos, faláralle desa cidade cubana. Segundo Vega, alí naceu a idea que deu lugar a Cienfuegos, 1913 (en referencia á data e lugar de nacemento de Amparo Andión), estreada o parsado 16 de Febreiro na Habana. O filme é un cruce de correspondencia. Á carta de Belkis Vega, que viaxa a Cienfuegos e busca os lugares da memoria da señora Andión, responde un persoal ensaio fílmico da filla galega, a medio camiño entre a atracción de Ledo pola illa e a viaxe cara os rastros da infancia da súa propia nai.
A esta fita acompañaraa Para Lister, unha curtametraxe previa á realización de Liste, pronunciado Líster. , que se presentara en Calo co gallo do Congreso Enrique Líster na primavera de 2007. Etiquetado como "filme-homenaxe", é un retrato da personaxe coma el propio se presentaba, para os que queren lembralo como tal: un canteiro-comunista da Terceira Internacional. É a primera vez que Margarita Ledo traballa o outro como tal, sen facer dele o meu material.
Margarita Ledo Andión, natural de Castro de Rei, estudou xornalismo en Barcelona e refundou e dirixiu durante tres anos A Nosa Terra. En 1983 doctorase en Ciencias da Comunicación e é profesora da Universidade Autónoma de Barcelona, até que se traslada á Univesidade de Santiago de Compostela para pór en andamento a Facultade de Ciencias da Comunicación.O seu traballo de investigación vai da imaxe fotográfica ata a cinematográfica, e ten realizado numerosos traballos sobre o documentario. En 2003 estrease na realización con Santa Liberdade, que se puido ver no Cineclube, ás que seguirían a curta Lavacolla 1939, incluída en Hai que botalos e o documentario Manuel María: fala e terra desta miña terra. No pasado 25 de Maio recebeu o Premio Nacional da Cultura Galega na categoría de Cinema e Audiovisuais, en recoñecemento á súa labor.
A seguinte cuarta feira poderemos ver dúas mediametraxes rusas dos últimos anos: María, de Aleksandr Sokurov, e mais Svyato, de Viktor Kossakovski. A programación de Xuño complétase con Umbracle, de Pere Portabella, que vai ser proxectada o mércores 18 e Fragmentos dunha fábrica en desmontaxe, un documentario colectivo de Isaac Marrero, Guillermo Beluzo e Roberto García que vai fechar a tempada o 25 de Xuño. Ademais, até o xoves continúa esta semana o ciclo organizado con Baleiro sobre Maio do 68, todos os días ás 19:00 no Salón de Actos da Facultade de Filosofía.
Os filmes van ser proxectados na súa versión orixinal en galego. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar económicamente co Cineclube. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube para préstamo antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 22:00.