Susana Rei Crespo: “A arte necesita do risco” (I)

02-07-2008 

Xa non se podía retrasar máis. Tocaba falar cun dos creadores máis relevantes do audiovisual galego dos últimos anos. A directora da afamada COUSAS DO KULECHOV  está a punto de estrear no Filminho a súa segunda curtametraxe: CONTRAFILMES. Un momento axeitado, pois, para intentar indagar nas inquedanzas que vertebran a súa procura artística. Aquí vai a primeira parte da entrevista…

Facía calor, os rigores do verán xa se deixaban notar. Procuramos algo de sobra nun oasis de paz e tranquilidade. Eu pensaba en Averrores na sombra dunha palmeira mais Susana Rei prefería botar de menos a maleza da súa querida illa de Tambo onde se agochan os misterios da meiga Margarida.

Ti sentes unha especial predilección polos artificios. Unha entrevista tamén é un artificio polo que tamén se pode mentir…Que opinas das entrevistas?

É complicado abordar o mundo da arte. Os medios case sempre optan por un enfoque superficial, tópico para que sexa comprendido por o maior número de persoas. Mais esta perspectiva non chega ao fondo, ás interioridades e ás tensión creativas, ás necesidades e arelas do creador. Os medios recorren moitas veces a un esquema estilo Hollywood. Esquemas que teñen moi pouco que ver coa arte xa que son superfluos, xeneralistas e ata frívolos. E hai que comprender que non todo é cinema, nin todo cinema é Hollywood.

Cal foi o punto de partida as Plastidecor ou o Cinexin?

Ningún dos dous… Mais ben o cubo e a pala da praia na procura das formas. En Belas Artes especialiceime en escultura. A verdade e que decidinme por ela porque practicar a pintura podía facelo na casa, para esculpir era necesario ter infraestrutura. Praia e o "rollo" de escribir. Eu fixen unha obra de teatro cando estaba en 4º de EXB, moi chula, mais agora está perdida… Polo tanto os meus intereses comezaron pola palabra e a forma. O cinema sempre estaba aí, tiña atracción mais non intención.

Tes unha formación moi ampla. Porque te decantas polo audiovisual?

Eu xa tiña unha curta feita no 96, que tivera moi boa acollida e por certo fora premiada no Xapón. Mais tarde, houbo aspectos circunstanciais… Colaborei en longametraxes dentro do equipo de arte. Era un traballo moi diferente ao de dirixir e facer guións. Construír decorados, pintar paredes, por alfombras…. Eran películas mais ou menos estándar en relación ao traballo de arte…

Con Fernando León de Aranoa?

Los lunes al sol é moi chula, a min gustoume. Meu traballo era o de responsable da pintura, había que construír, pintar, e atrezar os pisos, o bar dos parados, etc. Non deixa de ser construción e logo decoración nun esquema realista. Non tiña nada que ver con facer escenografía desde a arte ou dende o teatro. Ao mellor se fose con Von Trier… Mais comprobei que o cinema era a suma das outras artes e iso é interesante. Sempre me gustou saltar as fronteiras da arte, ir para un lado e logo para outro. Violentar os compartimentos estancos… non ten sentido que a academia separe as artes artificialmente.

Que te aporta a ti a curiosidade?

Asomarte ao novo, ou abordar o vello visto desde outro lugar. A curiosidade é a porta de todas as cousas, dos avances da técnica, do progreso e da evolución da humanidade. É apostar polo risco, pola capacidade de sorpresa, do saber, do impertinente incluso,… É a porta para todo.

Os mellores creadores do audiovisual en Galicia son os que teñen máis marcada o concepto de autoría. A liberdade creadora ten que pagarse con certa soidade?

Vou contestar "á galega". Iso depende. Por lóxica sí, si estás ti só ao longo de todo o proceso creativo está claro que controlas todo moito mellor. Mais si atopas xentes para potenciar esa idea, iso é marabilloso! As veces hai partes do proceso as que non podes dedicarlle todo tempo que precisarías. Eu fixen todo soa ata agora porque non tiven outra. Mais se atopas persoas que respecten e comprendan a idea, podes chegar a formar un bo equipo que mellorará o resultado final.

Valencia, Madrid, Lisboa, Pontevedra… que supón para ti o sitio onde vives?

Non se trata dunha limitación senón dunha riqueza pensando na arte. Senón vives experiencias non podes facer arte. Eu intento escapar das etiquetas. A xente me interesa. Mais todo se basea en experiencias diferentes, experiencias visuais e experiencias humanas. Gústame observar ao ser humano, para ben ou para mal, é o centro de todo.

Eres vouyerista?

Creo que non. É outro "rollo". A min gústame ser unha esponxa, estou absorbendo, non intimidando. As cidades son grupos grandes de humanos diferentes. Por exemplo Valencia é o "alter ego" de Galicia en algúns aspectos, o carácter e o humor son radicalmente opostos. Normalmente non miramos para a vida e si para a arte sabendo que a vida e a arte son a mesma cousa.

Podías definir o que é para ti a representación?

Cando era pequena, un día estaba sentada á mesa coa miña familia, todos falaban e comían. Chegou un momento en que salín fora da escea, todos parecerían estraños, como ollados a través dunha lente deformada, mastigaban e facían xestos esaxerados e sentín por primeira vez esa especie de "náusea" de estar entre semellantes. Mais, como dicía un poeta brasileiro "todo o que sirve para o lixo, serve para a poesía". Cada un de nós ten unha visión particular sobre o mundo e os creadores teñen unha grande necesidade de expresar o seu punto de vista, de representalo.

Ese punto de vista está contaminado…

É normal, eu se nacera en Canada no século XIX sería outra cousa… A nosa mirada está contaminada por todo o que nos rodea. O artista ten que intentar "ver entre as árbores".

Un proceso para singularizarse...

Vai parecer moralista, mais é un proceso natural, automático, isto faise sendo consciente de ti mesmo e sendo fiel as túas ideas. A persoa é un reflexo da súa arte e a arte é o reflexo desa persoa. Non se pode loitar contra ese "monstro". Non sei, depende o grado de coherencia…

Un artista debe ser egoísta?

Isto pasa igual no campo da ciencia, os procesos e procuras van unidos a unha constante. Son proxectos que van de ti cara fora. E sempre estás dando a túa opinión. Chega ao punto de que ti mesma es imprescindible para ti. Hai que aceptar certo grado de egocentrismo. Estas propoñendo os teus pensamentos máis idiotas ao resto do mundo! E isto repercute con moito risco. Hai xente que pasa polo mundo sen expresar o que sente ou ten a capacidade mais non asume ese risco…

Como é ese risco na arte?

Vai coa curiosidade, coa necesidade de representar…. Detrás dun grande logro hai moitos fracasos, o artista fracasa. Eu quero ver os cadros malos de Picasso. A arte é un proceso é un risco. A arte necesita do risco.

Veo un refacho de vento, púxose a súa chupa de coiro negro…

Comeu unha oliva….

Fundido a negro.

(Fin da primeira parte)

Xurxo González

Susana Rei Crespo

  •  
    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade