Susana Rei Crespo: “A arte necesita do risco” (II)

03-07-2008 

Xa non se podía retrasar máis. Tocaba falar cun dos creadores máis relevantes do audiovisual galego. A directora da afamada COUSAS DO KULECHOV está a punto de estrear no Filminho a súa segunda curtametraxe: CONTRAFILMES. Un momento axeitado para intentar indagar nas inquedanzas que vertebran a súa procura artística. Aquí vai a segunda e última parte da entrevista…

 

Seguía facendo calor, mais o día ía a menos. Fulminamos en seguida unha cervexa é unha clara xunto unhas patacas fritidas e unhas olivas... Mais aínda faltaban preguntas, preguntas interesantes para afondar nos segredos e razoamentos derivadas dunha esixente maquinaria creativa…

Que te interesa do imaxinario construído polo espectador?

Eu non traballo para o espectador mais eu tamén son un espectador. As veces gústame recorrer ás ferramentas do "inimigo". Doulle valía aos recursos do "inimigo". Son como linguaxes codificadas, son artificios aos que darlle voltas de rosca. O espectador sempre está disposto a xogar co creador. Sempre está disposto a ese "clik", a ser un "coelliño de indias". E a iso á xente lle encanta, porque se sente máis intelixente. Contamos que o público é listo, non é tonto.

Crees que o "efecto kulechov" vertebra a expresión audiovisual.

En Cousas de Kulechov eu apostei por ese recurso para facer a miña representación. Para min a montaxe é o momento principal do proceso fílmico. E a nai de todo. É a fase importante, é a alquimia. É onde se explican as cousas, con el podes mentir o contar a verdade. Hai cousas que saen despois de asociar dous elementos. De poñer xuntos A e B sae un significado C. As veces este recuso é matemático mais as veces tamén sae polo azar. Non todo en [Cousas de] Kulechov foi premeditado. Logo na montaxe tes dúas cousas e pos un terceiro e as veces a fórmula non funciona e tes que rodar outro plano para reforzar esa idea. A min a montaxe excítame... A idea ten que ser solvente e o resto é máis flexible…

Te definirías como formalista, materialista, experimental, estruturalista…

Nunca o pensei… As veces ata ver o final non te das conta… Son como os fillos para unha nai, nunca podes decantarte por un. Non quero autoanalizarme, iso no é a miña tarefa e si quero ser coherente. O que si sei é que son capaz de mover todo por unha idea. Transmitir directamente a idea está por enriba de todo. Eu poño a técnica ao servizo da idea, porque a idea é o fundamental.

[oliva da pausa]

Imos a poñernos petardos… Que prefires a imaxe-tempo ou a imaxe espazo?

Buaaa tío…. Como te respondo eu que son neta e tataraneta de reloxeiro... É difícil. No cinema está todo xunto. O que ocorre é que vexo pouco cinema, eu vivo a vida, non hai tempo para todo. Outras culturas teñen distintas relacións con este binomio, por exemplo o tempo iraniano ou xaponés, nos orientais é un tempo físico, pesa na imaxe. Nós, os occidentais percibimos o tempo dun xeito máis superficial. Para nós o tempo ven dado pola cultura, é lineal. A xente nova vive nun proceso de aceleración. Como dixen é posible aproveitar os recursos do inimigo, por exemplo da publicidade, para facer un arte do efémero. Cómo ver unha escultura ao lado dunha autopista desde un coche a cen por hora? Integramos o tempo como parte da imaxe mais non reflexionamos. A velocidade do noso ollo deriva en arte intuída non reflexionada. Non somos capaces de ver as cousas coa tranquilidade necesaria. Os rapaces, xa non digo a Godard, dentro de dez anos nin sequera poderán aturar a Spilberg, lles parecerá lentísimo.

Porque facer un fake?

Un día estaba asomada a unha ventá sobre a ría de Pontevedra. Resulta que había unhas nubes "plomizas", desas que xa parecen de documental. O sol baixando e de súpeto conseguiu saír, encaixonado entre as nubes e aquel contraluz mudou todo. As bateas eran agora unha flota de guerra e eur xa comezaba a escoitar a música. Tireille unha foto. Isto aconteceu no 2003. Mais tarde ocorreu algo parecido na zona de Estribela coas mariscadoras que me lembraron ao desembarco de Normandía. E aí fun sumando elementos deste tipo.

Esa foi o nacemento da idea…

Foi como cheguei a esa idea. Reflexionar sobre o que vemos. Como a imaxe e son poden mentir, a montaxe… e ademais todo isto no contexto da Guerra de Irak…

E a linguaxe…

É como un puzzle, como un mecano, aplicando o efecto Kulechov, os condicionamentos informativos… É como descubrir que hai un mundo paralelo ao noso. É afondar na cuestión da percepción das cousas e como as veces nos chegan mensaxes distorsionados. Esta idea dos equívocos ou de cómo funcionan as construcións das mentiras foi o que me interesou. Quería facer verosímil algo que non aconteceu: un conflicto en Galicia.

T. W. Adorno comentou que vivimos tempos nos que non se poden contar historias porque xa están todas contadas. Non crees que hai que empregar novas perspectivas para contar as historias consabidas.

Eu non é que sexa unha persoa moi optimista pero esta xente sempre ve as cousas desde a óptica do "fin da historia", o fin do relato, o pastiche, o revival… todo moi posmoderno. Hai un proceso claro de esgotamento na arte a igual que na vida, mais penso que unha mirada nova e sempre unha nova historia.

De onde ven a idea de Contrafilmes?

O punto de partida son pequenos escritos que veño facendo desde fai uns 10 anos, collendo cousas da prensa, de aquí e de acolá…. son pequenos anacos, impresións cunha natureza heteroxénea e todo apartires de material que levo absorbendo ao longo de moito tempo. Son propostas diversas como é diversa a vida e sempre desde a "contraollada" do absurdo e a irrealidade dos tempos.

Porqué esa fragmentación…

Son como as relacións humanas, co paso do tempo van cambiando de matices. É o mundo que nos vai cambiando. As historias teñen continuidade dependendo das miradas. Polo tanto se queres abranguer máis consciencia de vida tes que ser poliédrico. E aí está a cuestión da fragmentación, do hibrido, do mosaico… Esta marusía está aí, e o artista non pode por fin a esa dinámica…

Míraste facendo ficción "ao uso"? Traballando nunha produtora comercial?

Este [o audiovisual] é un mundo bastante raro… Eu podo embarcarme en proxectos máis alimenticios porque necesito comer mais sempre deben ter un mínimo de interese que entronque co que me gusta, co que agora estou facendo. E podería de facer unha ficción "ao uso" máis sempre encamiñada cara as miñas inquedanzas.

Fai de Godard… por onde crees que vai o audiovisual?

Mais ben vou facer de meiga. O que si que o tempo, a aceleración, iso é o que vai mudalo todo. Todo estará predisposto para miradas aceleradas, haberá formatos moi curtos e híbridos, ideas mínimas, sitentizadas, resumidas, linguaxes fáciles de asimilar. A acción vai a ser máis importante que o conflito. E por suposto vai ser portátil.

A xente asume mal o cinema experimental que lle dirías a ese público desconfiado das cosas que pode atopar nas producións máis innovadoras.

Sempre que a xente rexeita algo é por medo ao descoñecido, ao que non entende. E o espectador o que demanda o estándar ou é que non recebe outra oferta? Mais o espectador necesita de afrontar ese risco e intentar comprender, debe construír, debe por algo da súa parte, non pode ser pasivo. As institucións, xeralmente, son moi conservadoras. Apostan por grandes historias sólidas con linguaxes asimilados. Mentres os creadores que pretenden innovar poñen o foco en pequenas grandes ideas que lle permiten experimentar na mirada, na construción, na representación. Estes proxectos experimentais son necesarios porque se necesitan ideas que vaian por diante, polo menos en termos de ambición creativa. Non podemos seguir facendo casas como se facían no século XIX, nin sequera no XX.

E por último… Mentiches nalgunha pregunta?

Non cho vou dicir… Hai que adiviñalo…


Con este convite a cuestionar a credibilidade da entrevista levantamos a sesión. Incorporémonos na festa do barrio de San Pedro e tras xirar no famoso Pampín andamos ata o aparcadoiro cara Belvís. Despedímonos. Susana colle o seu coche para deslizarse escópicamente pola AP-9. Susana Rei: "unha
glaneuse audiovisual"...

 

Xurxo González

Susana Rei Crespo

  •  
    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade