11-09-2008 O vindeiro luns 15 de setembro comeza en Ferrol a rodaxe do telefilme "O club da calceta", dirixido por Antón Dobao e producido por Ficción Producciones xunto coa TVG, Diagonal Televisión e Televisió de Catalunya. "O club da calceta" é unha adaptación ao cinema da novela homónima de María Reimóndez que supón un novo chanzo do proxecto "Un mundo de historias".
"O club da calceta" narra a epopea de cinco mulleres de diferente condición, idade e orixe social que viven as súas vidas ordinarias inzadas de conflitos e frustracións. Todas elas son diferentes, pero hai algo que as aproxima, que as equipara. Son mulleres profundamente desarraigadas, e esta condición sométeas a un desacougo vital que as vai ir conducindo, case que por casualidade, a un lugar común no que as súas historias acabarán confluíndo: un curso de calceta. A aula de calceta é o escenario da liberación destas mulleres, e por extensión, un símbolo da liberación de todas as mulleres e dos oprimidos en xeral. As protagonistas desta loita, que se rodará integramente en Ferrol, serán encarnadas por actrices galegas de recoñecida valía: María Vázquez, Sonia Castelo, Mela Casal, Susana Dans, Antela Cid e Camila Bossa. Completan o elenco algunhas das figuras referentes do audiovisual catalán, como Kátia Klein ou Inma Colomer. De par delas, un equipo técnico formado polos mellores profesionais do sector tentará repetir o éxito que significou o telefilme "A Mariñeira", producido o pasado ano. "O Club da Calceta" é, por riba doutras cousas, unha historia de solidariedade e de conciencia colectiva, do poder do grupo. A unión como instrumento imprescindible para calquera cambio importante. Dalgunha maneira, quere ser tamén un berro contra a exclusión, ese deporte tan practicado na sociedade do noso tempo.