19-09-2008
O MUNDO PARALELO do audiovisual galego está pegando forte. A Axencia Audiovisual Galega quere dar a coñecer a unha nova xeneración de creadores que coas súas obras están marcando o itinerario dunha nova concepción de entender o mundo das imaxes. Nesta ocasión acompañamos a Ángel Santos Touza, director d´O CAZADOR, nunha viaxe moi reveladora.
Mentres agardaban, Marta foi por unha bolsiña de gominolas para degustar durante o traxecto. Comprometinme a non facer preguntas complicadas "por aquilo que podía decir a Dirección Xeral de Tráfico" –comentou ironicamente Diego-. O coche arrancou rumbo ao norte, os kilómetros e as preguntas foron caindo progresivamente. Ao rebufo as respostas foron confirmando un ronsel clarificador. Curiosamente para onde nos dirixíamos, o ceo estaba despexado…
Ti eres dos que fan unha curtametraxe e pasan a traballar para unha produtora. Non é moi usual… Como te acolleu a industria?
Cando o ano pasado acadei unha subvención a "creador individual" para realizar O cazador, o meu primeiro paso foi tratar de poñerme en contacto con alguén interesado en producila, porque sabía, polas miñas experiencias anteriores, que precisaba alguén que fixera por mín as cousas as que non podía chegar. A miña relación coa "industria" era, e sigue sendo en moitos aspectos, de absoluto, e mutuo, descoñecemento. Digamos que non teño moitos "contactos". Escoitara falar de Matriuska porque traballan desde Pontevedra, e sabía (ou pensaba) que facían filmes dun xeito máis artesanal e cunha "filosofía" de rodaxe máis cercana ao que eu pretendía acadar. Finalmente, fixemos a curtametraxe xuntos e, desde aquela, con Daniel e o resto da xente da productora temos unha moi boa relación; máis ben unha recién estreada amizade que unha relación de traballo propiamente dita. Temos intención de seguir facendo cousas xuntos mais non creo que poida dicir que traballo "para" unha produtora. De feito, desde fai case dous anos os únicos ingresos regulares cos que conto veñen do traballo nun almacén dunha "ben coñecida" empresa textil galega. Con isto penso que contesto tamén á segunda parte da pregunta, a "industria" —se é que podemos falar dunha "industria" en Galicia— non me "acolleu" de ningún xeito posto que non traballo para ela, nin o meu traballo é suficientemente coñecido como para que a alguén lle importe verdadeiramente. Por outra parte, e de xeito individual, sí que hai unha serie de persoas que están a recibir O cazador con certo entusiasmo, cosa que eu agradezo enormemente, mais tampouco estou seguro de que estas persoas formen parte activa desa "industria" que mencionas.
A curtametraxe pode funcionar como carta de presentación?
É normal que unha curta funcione como presentación dos valores ou capacidade creativa e artística dunha persoa; ninguén vai a producir un filme a unha persoa completamente novata. Mais deixando a un lado esta consideración, eu penso nunha curta de igual xeito que o faría cunha longa. Os dous son un filme. Cinema. Isto pode parecer unha obviedade, mais o certo é que hoxe en día estamos acostumados a ver as curtas como un xénero aparte, autónomo —no que ademáis soe subliñarse certo valor de experimentación, algo que polo xeral é absolutamente falso— coas súas propias regras e rutinas, cousa que, ao meu parecer, é errónea e totalmente limitadora. Respondendo a túa pregunta: A curta funciona como carta de presentación, mais, no meu caso, a curta é polo momento algo circunstancial e ata certo punto intrascendente.
Aínda por riba, as túas curtametraxes non son nada convencionais, todas teñen unha mirada propia, pódese decir que posúes estilo?
Supoño que todos temos, ou deberíamos ter, unha mirada propia, posto que como seres humanos somos únicos… Aínda que en ocasións renunciamos a ver as cousas como as vemos e incomprensiblemente autoimpoñémonos unha mirada allea. Agora ben, falar de "estilo" no meu caso, con tan só tres curtas "visibles’ as miñas costas semella algo pretencioso pola miña parte. É certo que en todas hai unha busca expresiva que implica certo "estilo", mais penso niso como algo natural. E, aventurándome, se as miñas curtas non son convencionais supoño que é porque en todas elas impórtame máis falar de certas cousas, como poden ser o paso do tempo, o amor e as relacións de parella ou as relacións entre desexo e realidade, antes que en facer algo ocurrente ou sorprendente.
Se analizamos este estilo tes un marcado acento francés (Rohmer, Eustache, Godard…) A que se debe?
Sí, supoño que non o podo negar. É certo que eses tres, e outros, que citas son cineastas moi importantes para mín. A miña formación como espectador comeza, como a de case todos, co cinema clásico norteamericano, o cinema negro, os westerns, e o batiburrillo de estreas e videoclubes dos anos oitenta e noventa. O que sucede é que a influencia deste tipo de cinema francés, ou a de Bergman, Ozu ou Antonioni, son influencias que coinciden coa miña madurez como espectador e cos meus primeiros pasos como "cineasta" (con perdón). Por outra parte estes cineastas optan, polo xeral, por unha visión máis cercana e liberada de artificios que conectan mellor coas miñas intencións e preocupacións estéticas. Os seus recursos e a súa materia prima están ao alcance de todos: un grupo de persoas, espacios comúns, nos que podes habitar, e conflictos e dilemas morais baseados na cotidianeidade e nas relacións.
Hai unha cousa que se mantén en todos os teus filmes como se fora un denominador común: as relacións humanas?
E o que me sorprende é que non sexa común a máis filmes ou a máis curtas! Acaso non pasamos a maior parte do noso tempo relacionándonos os uns cos outros? Ou tratando de comprendernos a nós mesmos? A mín o que me resulta extraño é que despois de ver un bo puñado de curtas non acertes a discernir que é o que tratan de expresar, onde se agocha o espírito dos seus creadores, ou cal é a súa necesidade última… O que sí me resulta curioso a mín mesmo é atopar a posteriori solucións e imaxes recorrentes entre as miñas curtas das que non me decatara nun principio.
Agora entramos de cheo n´O cazador… Eu creo que o tema desta curta é o artificio cinematográfico, é como se foran incorporando capas…
Sí, o artificio da creación. A construcción inherente a todo proceso creativo. A curta mostra o proceso que leva da literalidade e fidelidade dun texto a outra cousa que parte del mais que xa non é iso, senon que cambiou polas decisións creativas e as interpretacións dos actores, etc.
Nesta curta realizaches unha adaptación, ou mellor dito, unha transposición de Chejov… Porque te interesaste por este escritor e por esta obra?
En realidade non houbo un interese especial en que fose Chejov. Podería ter sido calquera outro. Era un referente como lector, porque disfruto dos seus relatos. En moitas ocasións, cando leo, teño o malo costume —compartido con moitos, me temo— de pensar que pasaría se convertise ese texto nunha obra cinematográfica. Un día, paseando polo monte, o texto de Chéjov —ou o que recordaba de el— fíxose presente e ao chegar a casa comecei a traballar nel. Ademáis nese texto esas constantes das que falábamos antes están presentes: o home solitario que non se adapta a vivir en parella e en sociedade…
Sokurov dice que hai parecidos entre a alma rusa e a portuguesa, crees que tamén hai parecidos coa galega?
Supoño que é certo (ademáis tamén temos a relación física das paisaxes, o carácter das xentes…). Aínda que no meu caso a espiritualidade está moito menos cargada de simbolismo que a dos Sokurov ou Tarkovski, é probablemente máis existencialista…
O comezo d´O cazador tiña que ser un un pouco máis limpo de ficción, porque metiches freno á radicalidade da proposta…
É certo. Supoño que é parte da aprendizaxe. A proposta inicial era probablemente máis cercana ao que dís, mais logo foi evolucionando cara unha lectura máis poética. Menos ‘straubiana’ e máis ‘godardiana’ (con todos os respetos e distancias). As veces actuamos de censores das nosas propias ambicións.
Te ves facendo filmes no audiovisual galego?
Non. Véxome —e a duras penas, en ocasions— facendo filmes. Na miña casa, nos lugares que coñezo, coa xente e cos amigos que coñezo. De xeito artesanal. Con ou sen cartos. Que sexa audiovisual galego, asturiano ou turco é relativo. Se por ‘audiovisual’ —por certo, unha palabra que non me gusta o máis mínimo— galego entendemos os filmes de Antón Reixa ou Pradolongo ou certos produtos televisivos, non teño interés algún en pertencer a ese clube. Iso está ben para quen quera facelo, e abofé que hai xente que traballa e quere traballar arreo nese senso… a mín non me interesa. En certo xeito, ás veces parécenme que falamos de cousas completamente distintas.
Que proxectos tes?
Recordo que na película Sid y Nancy alguén cantaba nun momento unha canción que dicía algo así como: "Quero un curre / quero un curre / quero un curre con pasta!" [risas]. No tema cinematográfico acabo de presentar a subvención un proxecto chamado Dous fragmentos/Eva; é unha longa en formato dixital. Un pequeno filme sobre unha muller que se enfronta a unha crise persoal vagando polas rúas de Compostela. Por outra banda, temos unha curta que queremos facer este inverno coa xente de Matriuska, e claro, sempre hai máis proxectos no caixón…
De volta, despois de asistir a un pase da curta, a escuridade da noite amparou as dúbidas: "Si que gustou… Hai momentos que chegan a emocionar… Non sei se se entende… O espectador pode quedar algo perdido máis quixen facelo intenso, concreto, intenso… Ao final, as miradas entre os dous personaxes… quedou algo abstracto, reflexivo… Non sei… verdadeiramente o que é mais seguro que é o comezo de algo". Esta é a grandeza do creador!
Xurxo González Rodríguez