Retrospectiva de Ángel Santos, director d´O cazador´, no Cineclube Compostela

02-12-2008 

O Cineclube de Compostela convida mais unha vez a un director galego a presentar a súa obra. En concreto, este mércores 3, para comezar o mes de decembro, poderemos ver dous filmes de Ángel Santos, O CAZADOR (Galiza, 2007, 25') e SEPTIEMBRE (LOS AMORES JÓVENES) (Galiza, 2004, 12'). A sesión vai contar coa presenza do director, que presentará os filmes e participará nun debate. A cita é no lugar e a hora habituais, ás 22:00 horas da noite no Centro Social O Pichel (Santa Clara, 21).

Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 2000, Ángel Santos trasládase a Barcelona ese ano para realizar un curso de guión e alí comeza a traballar en distintos apartados técnicos en curtametraxes do Centre d'Estudis Cinematogràfics de Catalunya (CECC), onde vai obter a Diplomatura en Dirección Cinematográfica tres anos despois. Xa como director, realiza pequenos traballos en vídeo, e a curta A. (2002), que lle abre as portas para a realización dunha curta en celuloide: Setembro (Os amores novos) (2004) Xa de volta a Galiza imparte cursos de cine para rapaces de primaria e colabora na realización de videoclips. Ademais, colabora na revista dixital Miradas de Cine.

Baseada nun conto de Antón Chékhov, O cazador é a última curta deste realizador galego, que recebeu o primeiro premio no Festival Filminho deste ano. Mais o seu verdadeiro tema é o artificio da creación, e a curta mostra o proceso que leva da literalidade e fidelidade dun texto a outra cousa que parte del mais que xa non é iso, que parte da propia maneira de entender o cinema de quen está a participar no filme. Estruturado en tres bloques que deixan ao descuberto a armazón da adaptación, Santos bebe do naturalismo de Rohmer ou Rivette, mirando tamén ao tempo para o cinema de Straub e Huillet.

Xunta esta curtametraxe, poderemos ver tamén Setembro (Os amores novos), o primeiro título en celuloide deste director, realizado como traballo de fin de curso para o Centre d'Estudis Cinematogràfics de Catalunya. Nela podemos ver, xa co estilo do director o percorrido dunha parella na última tarde de verán dunha vila costeira, mentres se atopan con outras parellas.

A cuarta feira que ven, a memoria do que significou o Maio do 68 francés volve coa proxección de Morrer aos trinta anos (Mourir à 30 ans, Franza, 1982, VOSP, 97'), de Romain Goupil, onde este director, directamente implicado nas revoltas estudantís daquela, recupera a historia e relación co seu mellor amigo, Michael Recanati, que cometera suicidio en 1978, através da súa pasión polo cinema e pola política.

Os filmes van ser proxectados na súa versión orixinal, en galego no caso de O cazador e en castelán no de Setembro (Os amores novos). A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar económicamente co Cineclube. Ademáis, os socios poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 22:00.

  •  
    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade