Especial Miguel Castelo na Casa das Atochas

25-02-2009 

Na Casa das Atochas en Coruña (rúa Atocha Alta, 14, Montealto) o xoves 26 as 20' 30 horas terá lugar un coloquio con Miguel Castelo e a proxección de dúas curtametraxes: O pai de Migueliño e O desexo.

MIGUEL CASTELO

(Freás de Eiras, Ramirás, Ourense, 1946)
Director, produtor e activista cultural. Un dos pioneiros do cine galego contemporáneo que a mediados dos setenta realizaron as primeiras curtametraxes en 35mm en galego; a súa aportación foi o fermoso filme sobre a emigración O pai de Migueliño. Partidario de explorar os camiños dun cinema das nacionalidades, en 1979 crea unha distribuidora alternativa (Rula). Desde entón permanece activo, especialmente no eido da crítica cinematográfica. A comezos dos 90 crea Abrago Filmes, coa que realiza varios proxectos propios e ampara a produción de novos cineastas.

O PAI DE MIGUELIÑO (1977):

Adaptación dunha das estampas de COUSAS  de Castelao. Un mozo no momento de principia-la súa viaxe á emigración europea, rememora unha pasaxe da súa nenez: a ilusión coa que agardara a volta do seu pai das "américas". Migueliño tiña idealizada a imaxe do seu pai no seu mundo infantil.

O DESEXO (1994)

Adaptación dun relato de Dieste. Galicia anos trinta. Alá na montaña, un vello participa aos seus fillos a necesidade de que se lle cumpra un desexo que semella ter acochado fai tempo "Eu quería ve-lo tren". Participa deste desexo ao seu neto que sente o mesmo desexo: "Cando eu medre tamén ei dir e andar no tren"
Tirada do relato "O vello que quería ve-lo tren" pertencente ao libro Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste, a historia discorre arredor dos anos 30 nunha zona montañosa do interior de Galiza, e dicir, na Galiza máis profunda. Os seus protagonistas representan a tres xeracións distintas que engloban o período social máis descorazonador da Galiza contemporánea, que ía provocar un masivo éxodo a América. Ao "norte" como se dicía e aínda se dí nalgúns lugares. E así a idea do progreso, do futuro, a percepción doutro mundo no que existen oportunidades e esperanza de se abrir camiño na vida, adopta na imaxinación destas xentes a forma de lonxanía. Un mundo que está moito máis aló do seu e ao que se accede en grandes enxeños mecánicos como o ferrocarril. A adaptación cinematográfica do relato está estructurada en breves secuencias dende a relembranza- e, principalmente, dende a ollada do vello, emocionalmente o perdedor consciente da historia-, ao contrario do que a estructura literaria orixinal, que se desenvolve en tempo real. Cun tratamento poético e realista, O desexo pretende ser unha visión da sombría realidade social galega dos anos trinta, exemplificando nun suceso local un sentimento universal de esperanza.

Localizada en Poboa de Brollón, Quiroga.

  •  
    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade