07-05-2007
Mañá martes, 8 de maio, vai ter lugar na Sala Nasa de Santiago de Compostela a estrea da curtametraxe Cartoons de Giselle Llanio Rosabal. Unha curtametraxe realizada grazas a axuda económica da Consellaría de Cultura e Deporte e a Secretaría Xeral da Igualdade.
A gala da estrea desta curtametraxe vai a ser presentada polo actor Roberto Vilar e contarase coa actuación do grupo musical Misquious.
Catoons afonda na diferenza entre realidade e ficción. Un neno pequeno descobre a través dos seus xogos a seriedade da vida. Giselle Llanio ampárase no mundo dos debuxos animados para establecer unha interesante dialéctica co mundo real.
Unha interesante proposta desta realizadora galega que tivo a valentía de saber combinar o seu traballo en series de televisión cos seus proxectos persoais nos que deixar patente a súa grande creatividade.
Esta curtametraxe foi subvencionada cunha contía de 6.000 euros concedida pola Consellaría de Cultura e Deporte coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade. Unha mostra máis da liña das axudas a creadores individuais e, tamén, do extraordinario talento das mulleres que comandan proxectos no audiovisual galego.