CAFÉ & CHURROS: ´Carne de Cañón´, eloxio á acción pura

01-06-2007 É venres, estamos ás portas dun fin de semana prometedor mais tamén é o momento de deleitarse co Café & Churros. Nesta ocasión ven algo remexido, a escolma de Lois Ribeiro é a curtametraxe Carne de cañón de Darío Fernández e José Enrique Fernández, un filme que, segundo o noso crítico, é “un exercicio maiúsculo de sincretismo narrativo”.

Creo que non o conseguín... Estiven intentando botar a vista atrás á produción galega e atopar un filme que intentase cubrir tantos obxectivos, aspectos e perspectivas e creo, sinceramente, que non me ven á cabeza ningún título. Con isto non quero dicir que non haxa ambición nas producións galegas mais a miña intención é subliñar, como en menos de 8 minutos os responsábeis de Carne de cañón realizan unha exposición de intencións a ter moi en conta.
En primeiro lugar Darío Fernández e José Enrique Fernández realizaron esta curta de animación de carácter experimental cun singular aspecto artístico-estetico. Non se trata dunha animación realista de personaxes perfectamente proporcionados. O estilo visual recordaranos, dalgún xeito, as pinturas de Luís Seoane mesturadas cos detalles abstractos da cerámica do Castro de Isaac Díaz Pardo. Mais os referentes visuais tamén están nos cadros de M. C. Escher e as pinturas primitivas para ambientar, respectivamente, o interior da fortaleza e a cova dos indios. Tendo en conta isto, o estilo da animación xoga coa manchas planas de cor, cos perfís das figuras imperfectos, coa técnica de animación sobre fondos fotográficos, con apuntamentos expresionistas para conferir dramatismo, con combinación de secuencias en branco e negro e en cor,...
En segundo lugar, Carne de cañón é unha historia de aventuras, enmarcada nunha illa do Caribe no século XVII. Un percebeiro galego e rescatado por un galeón e obríganmo, xunto a escravos indios, a traballar nunha mina. Nun ataque dos nativos o percebeiro escapa pola selva e consigue roubar unha embarcación para volver a Galicia. Este argumento tan denso e frenético fai desta curtametraxe –elemento que non debemos de esquecernos-, un exercicio maiúsculo de sincretismo narrativo. Mais aínda así, a historia deixa repousos nos que se fan oportunas reflexións sobre temas profundos como a escravitude, a colonización, o imperialismo e o choque entre dúas formas de entendelo mundo.
En terceiro lugar con esta curtametraxe afrontamos un xénero case novo no audiovisual galego. Sei que hai filmes de acción máis creo que a maioría non están moi logrados. Mais de un comentará que é unha curtametraxe de aventuras-histórico ou de denuncia ecoloxista, pode ser... As reminiscencias ao ver Carne de cañón lévanme directamente a unha mestura entre o Capitán Blood (1935) de Michael Curtiz co Errol Flynn de protagonista e Aguirre, la colera de Dios de Werner Herzog, máis certas liberdades de ambientación histórica arrédanme desta confianza. A mensaxe do abuso explotador condúceme a La Selva Esmeralda (1985) de John Boorman, máis creo que tampouco é o camiño principal. Carne de cañón se ten algún parecido é con esa obra mestra (para quen escribe, por suposto) que é Ronin (1998) de John Frankeheimer e agora imos a explicar porqué.O tema dos referentes fílmicos en Carne de cañón non é algo frívolo, hai que pensar que para a voz dos soldados emprégase diálogos de filmes americanos en versión orixinal. Mais a intertextualidade continúa con secuencias sacadas do imaxinario colectivo de filmes de piratas e de conquistas de territorios inexplorados. Outra vez na miña cabeza veñen filmes como Depredador (1987) de John McTiernan ou El último mohicano (1992) de Michael Mann. Mais que teñen que ver Frankenheimer, McTiernan e Mann cos directores de Carne de cañón? Pois que son realizadores que amosaron e amosan unha especial mestría dentro do xénero de acción e á hora de expresar “o tempo do heroe”. O segredo de Carne de cañón está na condensación da súa historia converténdose, deste modo, nun produto onde se extrema, a fascinación polo movemento.
Suxerir movemento da realidade é enfrontar ao espectador a algo máis que unha simple representación. Mais aquí convén distinguir entre a esencia catatónica dos blockbousters que engrosan mainstream. E aquí é onde me ven á cabeza ese filme gris e sombrío que se chama Ronin. Nela, igual que en Carne de cañón, os contidos non son importantes, son filmes que dan ao espectador unha atracción fatal cara o movemento, cara o concepto dramático, cara a noción de conflicto, cara a relación de opostos, cara a relación espacio-temporal...
Xa dicía Gombrich que a relación da arte co tempo estivo sempre moi descoidada, Marinetti e os futuristas baseáronse nel como modo de rebeldía, mais foi Gilles Deleuze quen se encargou de consolidar á imaxe-movemento e a súa característica sensorio-motriz como a máis pura expresión da ontoloxía cinematográfica.
En resumo, de cotío, a animación enténdese como cinema de lecer dirixido ao público infantil. Carne de cañón consigue contactar con esta parte do público e, a súa vez, canalizar o seu potencial expresivo e emocional do gráfico para chegar, con suficiencia, a metas máis distantes e arriscadas.
Lois RIBEIRO
CARNE DE CAÑÓN (2006) (Dario Fernandez Ignacio)

  •  
    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade