CAFÉ & CHURROS: ´Amigos invisibles´ na procura da crueldade

08-06-2007 

O noso reparador descanso na mañá do venres vólvese, hoxe, inquietante… Ollo ao engulir! O Café & Churros desta semana é realizado pola nosa convidada María Gondar que afronta a valoración da curtametraxe Amigos invisibles de Pedro G. Alonso como unha obra cunha "temática moi difícil emprazada dentro do mundo infantil".

As veces o cinema, mellor dito o audiovisual, a miúdo toca temas escabrosos, difíciles de tratar coa seriedade requirida. Moitas destas tramas desenvólvense de maneira sensacionalista e efectista atraendo ao espectador polo morbo que carrexa a historia. Entre este tipo de propostas son poucas as que poden saír airosas do tema deixando multitude de interrogantes sobre o que está acontecer... Pedro G. Alonso o consigue… Imos ver como…

Cabería comezar por sinalar quen é o director. Pedro G. Alonso é un actor con ampla experiencia no teatro e na televisión. Aparte de traballar en Galicia tamén tivo os seus anos de éxodo, traballando estreitamente en montaxes de La Fura dels Baus. Ao seu regreso afrontou o paso a dirección e sumouse, como un máis, á modalidade de axudas aos "Creadores individuais" da Consellaría de Cultura e Deporte.

Este background resulta significativo porque Amigos invisibles é un excelente traballo onde brilla, sobre todas as cousas, unha portentosa dirección de actores. Neste punto convén sinalar que o casting está composto por actores consolidados –falamos dun Antón Duran "Morris", Fernando Acebal ou un Santi Prego- e con actores infantís sorprendentes como Darío Loureiro e Rodrigo Frieller. Mais esta conducción hai que valorala na súa xusta medida. En Amigos invisibles vemos a un "Morris" afastado dos seus papeis cómicos, o actor afronta con moitos matices un personaxe que artella toda a historia. E logo está a dirección de nenos onde a parte dos protagonistas hai moita figuración e extras que están orquestrados de maneira moi críbel.

Con estes vimbios Alonso afronta unha historia cunha temática moi difícil emprazada no mundo infantil. O guión presenta unha historia que vai zigzagueando sen rumbo, desnortada por avesedos escuros e terríbeis. O que algún poden consideralo un defecto eu o considero unha virtude porque o relato xoga co espectador de maneira descarada levándoo por cruces e sendeiros imprevisíbeis, definido un perímetro intenso e inquietante sobre en que se fundamenta a crueldade da natureza humana.

Nun primeiro momento as chanzas e brincadeiras entre os nenos parece que nos están relatando unha historia infantil intranscendente, sen máis. Pasa o tempo e a historia cárgase dun dramatismo desacougante. Nun principio parece que a idea de Alonso e ensinarnos un conflicto escolar como se fora un microcosmos onde poder verse reflectido as continxencias dos adultos. Mais lembremos que a intención de Pedro G. Alonso é xogar connosco e o consigue moi ben.

Amigos invisibles é un puzzle no que unicamente ao final, cando saen os créditos, temos unha lixeira idea do que aconteceu. Alonso leva ao mesmo tempo varias liñas que, as veces, por momentos, producen desconcerto case de maneira arbitraria. Alonso xoga coas texturas das imaxes, coas secuencias en cor e en branco e negro, con intensidade da cor, mundo dos soños, cunha música inquietante, encadres verticais con planos subxectivos…

Uns elementos formais que se complementan coa complexidade da actuación do neno Darío Loureiro que é determinante á hora de fixar o ton da curtametraxe. Nun papel moi semellante ao papel de Juan José Ballesta en El Bola de Achero Mañas. Este rapaz é capaz de fixar no seu rostro cándido elementos agochados que raian co terror. Así, ao longo do filme, prodúcense certos distanciamentos nos que se sublima a ambigüidade deste protagonista. As miradas á cámara e as chamadas ao espectador rebordan de suspense todo o que acontece. Esta procura de interlocutor pode dar luz ao porqué do título. Así, para quen escribe isto, os Amigos invisibles son os espectadores que asisten ao visionado desta curta. Deste modo, cando o neno pide axuda, a pide directamente ao espectador, e este ve incrementando por catro a súa desesperación xa que somos totalmente pasivos sen capacidade de intervir na historia.

Mais o artefacto deseñado por Pedro G. Alonso mantén un xiro final que enfía todo o relato por outros derroteiros. O que podía ser unha historia de "mobing" escolar, unha temática si retratada na magnífica curtametraxe Nico, realizada por alumnos dun Instituto de Porto do Son, pasa a ser unha historia de malos tratos e de posíbeis abusos sexuais. Amigos invisibles é un descenso aos infernos, ás distintas variantes da crueldade humana. Así, Pedro G. Alonso, tal como fixera no seu día Robert Mulligan (Matar a un ruiseñor, 1962 e El otro, 1972), é capaz de tomarlle o pulso a esa presión psicolóxica perturbadora e furibunda sobre todo cunha única ferramenta: a dirección de actores.

María GONDAR
AMIGOS INVISIBEIS (2006) (Pedro Gonzalez Alonso)

  •  
    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade