15-06-2007
Transcorren as últimas horas da semana laboral… E para facer máis entretido este último esforzo propoñemos a degustación dun Café & Churros cargados de esencia. De describir esta condensación no padal encárgase Lois Ribeiro que fai unha destilación de Adeus, Edrada? de Rubén Riós. Segundo o colaborador da Axencia Audiovisual Galega esta curta supón "unha retrospección antropolóxica do rural galego".
Nos últimos lustros o audiovisual galego emprendeu unha fuxida desesperada cara a cidade na procura dunha teórica modernidade. Un esforzo infructuoso e baldío. Para quen se prodigaron neste obxectivo hai que dicirlles que o espazo onde se emprazan as historias non garante que os relatos escollidos posúan elementos anovadores. Non obstante, segundo rigorosos baremos historiográficos, a imaxe galega viviu sempre moi implicada dentro dos escenarios naturais de Galicia. Así, desde sempre, a excepcionalidade do paisaxe galego marcou atracción das producións audiovisuais que consideraron ao territorio galego como elemento de plusvalía pola súa singularidade e diferenciación.
Coa curtametraxe Adeus, Edrada? prodúcese unha revisión desta comuñón entre a imaxe co rural galego. Rubén Riós, o seu director, emprendeu unha revisión desta ligazón baixo a perspectiva de hoxe. Este director propón unha historia para recuncar en certos elementos que, a pesares de ser de sobra coñecidos, sempre foron tratados dunha maneira moi estereotipada. Que se ten que dicir do rural galego no século XXI?
Adeus, Edrada? reflicte en imaxes das circunstancias que dominan na Galicia do interior na actualidade. Un mundo que se esvaece co paso do tempo, un universo cuberto pola néboa do esquecemento cada vez máis mesta. Nos a penas doce minutos de duración Adeus, Edrada? faise un diagnóstico acertado das causas deste derrube e aflicción do universo rural galego. O dramatismo desta situación fai que o director deseñe unha historia que proxecte ese sentimento de desesperación e pesimismo ante a inevitábel desaparición das xentes, das casas, das tradicións…
Rubén Riós sabe do que está a falar, el procede dese mundo e, aínda por riba, a historia da curta esta baseada nunha experiencia propia. Riós fainos un convite para revisitar un feito tráxico ambientado a mediados dos anos oitenta. O desenvolvemento desta historia faise buscando a perspectiva da mirada dun rapaz. A ansia de descubrir o agochado fai que a curtametraxe de Riós teña certo parentesco con propostas similares como El espíritu da colmena (1973) ou El Sur (1983) de Víctor Erice. Os ollos do rapaz convértense en excelentes intermediarios do espectador no que se recorre a elementos fantásticos para contrarrestar a crueza da realidade.
Grazas a esta premisa dun mundo onírico recreado e buscado pola visión do rapaz o director sérvese para facer unha excelente revisión sobre o mundo máxico que soporta o patrimonio inmaterial galego-portugués. No que noutras producións tócase de maneira caricaturesca en Adeus, Edrada? tórnese como elementos de escape ante o dramatismo de ver o final dun mundo. Riós afonda na tradición oral para falar dese outro mundo alimentado polas transferencias xeracionais que enxerga unha cultura como a galega. Este envoltorio de lendas, contos, meigallos, bruxas, amuletos… posúen credibilidade porque o relato está deseñado para absorber todas estas variábeis. E imos ver porque...
Os apuntamentos do mundo fantástico están amparados nunha escritura audiovisual que da prioridade a capturar a realidade. Non é agora o momento de sinalar as correspondencias entre a autonomía do real e as posibilidades do medio audiovisual, mais Adeus, Edrada? convértese nunha retrospección antropolóxica do rural galego e nun último e emotivo homenaxe a unha forma de vida que está en serio perigo de extinción. Riós fai unha observación do terreo e da vida en comunidade. A historia enmárcase nunha paisaxe de montaña, nun "paraíso perdido" no interior de Ourense. Neste espazo van xurdindo, como aportes etnográficos fundamentais, a esencia do galego, iso que se pretende denodadamente conservar ante a marreta da globalización e do progreso. A secuencia máis espectacular é a presentación dos personaxes nunha cociña, neste fragmento sae a luz un costumismo auténtico no que ten moito que ver o excelente labor dos actores. Neste punto hai que dicir que o elenco o compoñen rostros coñecidos do mundo da televisión como Alex Neira, María Carballal, César Gambeiro, Elena Luaces, Mela Casal,... e, incluso, o propio Rubén Riós, que con Adeus, Edrada? pasa de estar diante das cámaras a estar detrás. Este destaque ven a confirmar en como os actores galegos volven a ser o cemento ideal e fundamental para construír unha ficción verosímil.
Uns presupostos de autenticidade documental que fan de Adeus, Edrada? un digno elo do legado deixado pola historia do audiovisual galego que se interesaban por estes territorios de identidade. Así Riós recolle a tea da militancia sententaísta do cinema afeccionado e o espírito de Sempre Xonxa (1987) de Chano Piñeiro para darlle unha conxunción mais axeitada cos tempos de agora. Unha revisión efectiva que achegan a curtametraxe de Riós a propostas intelixentes onde a realidade debúllase en ritos, en crenzas e en mitos como, por exemplo, acontece coa espléndida La Isla de las focas (1992) de John Sayles.
Por último sinalar como o audiovisual galego creo que ten que regresar con urxencia ao rural galego para redescubrir o seu potencial como campo no que poden por en escena conflictos narrativos de extraordinaria intensidade.
Lois RIBEIRO
ADEUS EDRADA? (2006) (Rubén Rodriguez Ríós)