CAFÉ & CHURROS: ´Estiven en Galicia e lembreime de ti´ ou variacións sobre imaxes de identidade

06-07-2007 

Esta semana toca un Café con Churros con esencia, con claras intencións desmitificadoras sobre a cuestión da orixe. A nosa benquerida María Gondar acomete nesta ocasión a curtametraxe Estiven en Galicia e lembreime de ti de Juan Lesta e Belén Montero. Segundo a nosa colaboradora a súa curtametraxe é "un manifesto tecnificado contra as mitoloxías derivadas das construccións dun imaxinario".

É moi difícil encadrar ben esta curtametraxe. A súa natureza é totalmente singular e non ten nada que ver co resto da produción audiovisual amparada desde as axudas da Consellaría de Cultura e Deporte. Nun principio incluso poderíase cuestionar que unha obra desta natureza reciba axudas da administración dedicadas á produción audiovisual. Sobre a natureza deste filme xa resulta sintomático o crédito que precede á obra en si. Neste xesto de honestidade os seus autores, Juan Lesta e Belén Montero (denominados DSK), avisan que esta curtametraxe é unha videocreación e, asemade, un espectáculo en videodirecto, concretamente din: "este traballo é o resultado dunha selección dos mellores momentos dunha videosesión realizada en directo e sincronizada en tempo real coa música". Ben, entón, exactamente de que estamos a falar…

Estiven en Galicia e lembreime de ti é unha especie de segregación derivada doutras manifestacións artísticas. En termos da arte contemporáneo é unha modalidade máis do chamado "arte durminte", unha especie de rexistro dun proxecto artístico. Para máis inri, resulta que a súa proxección recoméndase cunha posta en escena do "espectáculo" de danza. Este desexo de posta en abismo é para subliñar o elemento da representación, da construcción dunha imaxe artificiosa coas que se alimentan o imaxinario. Este recurso non é novo, lembremos que o audiovisual converteuse no grande aliado das manifestacións artísticas que afondan na temporalidade ou nunha intervención de espazos: accionismo, póvera, land art, body art, hapennigs, performances,..

Mais entón convén discernir se esta proposta de DSK ten identidade por ela soa, sen necesidade de servir de rexistrador doutro conducto artístico. Estiven en Galicia e lembreime de ti baséase na idea de desmitificación de tópicos sobre Galiza. Unha bailarina pseudofolclorista emprega a súa danza case espasmódica para proceder a intervir espazos de extraordinaria resonancia xeográfica de Galicia. As imaxes sucédense cun jump cut agresivo e repetitivo que agudiza o ritmo da danza. Os escenarios sucédense de maneira alterna e precipitada dándolle ao conxunto certa continuidade hipnótica. Todo isto acompáñase cunha música electrónica con elementos autóctonos (samplers de voces, sons de ferramentas, gaitas,…) que afondan na ironía referencial.

Os lugares seleccionados son encadres de postal de sitios archicoñecidos de Galicia; a catedral de Santiago, a ponte de Rande, a ponte romana e as Burgas en Ourense, as torres de Catoira, a capela de cunchas da Toxa, a Torre de Hércules na Coruña, as murallas de Lugo,… Uns planos de postal nos que intentan condensar a maior cantidade dunha suposta esencia do país galego. Unha especie de parodia da simplificación que levan acabo os suvennirs icónicos. A todo isto hai que sumar os elementos distanciadotes como os elementos de infografía incorporados nas imaxes; aparecen ovnis con formas de vieiras coa cruz de Santiago ou ceos que son pantallas do tradicional xogo de guerra de marcianitos matando, en vez de naves invasoras, a centolas. Esta desautomatización do símbolo súmase a unha densificación de iconos facendo unha acumulación de vacas, hórreos, campo verde, barcos, cruceiros…

Dito isto, hai que dicir que Estiven en Galicia e lembreime de ti é un manifesto tecnificado contra as mitoloxías derivadas da construcción dun imaxinario (Barthes dixit). Mais que imaxinario? Pois DSK propoñen desfiar o entrabado figurativo que fai referencia a Galicia. Un contínuum de imaxes turísticas que se levan de recordo os visitantes do noso país. Estiven en Galicia e lembreime de ti é un anti-suvennir no que se lle da volta a certo fetichismo da imaxe. Neste caso os seus autores apóianse no pathos tecnolóxico dos nosos tempos para arremeter cos soportes anacrónicos e cos significados desfasados e parciais dos seus contidos. DSK propón, como dice Hal Foster, unha revisión da intertextualidade cultural para analizar os camiños de consolidación da memoria cultural. Con Estiven en Galicia e lembreime de ti preténdese que se repense a interpretación destas imaxes consolidadas co paso do tempo e para iso nada mellor que un medio co que se poda facer factible esa revisión e ese non é outro que a práctica videográfica.

O chamado vídeo e a expresión audiovisual máis axeitada para afondar na natureza das construccións visuais. É un medio que pode desprenderse facilmente de credibilidade e non contempla a narración como espectáculo senón como un complemento máis que xira entorno da preocupación derivada sobre a perda do real. Un medio conceptual baseado no tempo, no espazo e no ritmo. Así, Estiven en Galicia e lembreime de ti configúrase como un excelente simulacro baudrillardiano: o tempo fracciónase e se interrompe, os territorios con remarcada identificación histórica se banalizan cunha mediación humana ante o fondo e, todo isto, cun ritmo de danza e visual que remarca a unión da construcción espazo temporal, o que López Silvestre denominaría como "paisaxe virtual". Os lugares históricos que aparecen son abordados intentando que se evidencie a estética xeopolítica derivada da intromisión da cultura coa economía.

Con esta proposta o espectador cuestiónase a súa mirada e identifica a conxunción de signos como elementos que devalan a verdade. Unha nova neo-realidade labrada co paso do tempo coa repetición desmesurada de imaxes que constitúen verdadeiros tópicos que distorsionan as identidades dun territorio. Estiven en Galicia e lembreime de ti está pensada para denunciar esas falsas aparencias (que diría McLuhan).
María GONDAR
ESTIVEN EN GALICIA E LEMBREIME DE TI (2006) (Juan Lesta Perez, Belen Montero)

Todos os CAFÉ & CHURROS

  •  
    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade