Presentación do documental ´A casa de Lola de Andrés´

24-01-2007 

O vindeiro sábado, 27 de xaneiro, vai ter lugar a estrea na Fragua do Sardiñeiro desta curtametraxe-documental realizada por Olaia Sendón. A casa de Lola de Andrés é unha produción que recibiu unha subvención de 4.500 euros por parte da Consellaría de Cultura e Deporte no 2006.

Baixo o lema "o pasado non o hai que perder de vista porque para entendermos quen somos e para ir cara adiante sempre hai que telo presente", Sendón fai unha incursión na memoria para deixar ao descuberto a súa natureza e os seus mecanismos. Este filme imbrícase atraveso de imaxes-recordo intentando mergullarse nos ecos do pasado dun lugar, o Sardiñeiro. Unhas resmisniscencias que se dilúen coa imparábel -e as veces salvaxe- marcha do progreso humano, sobre todo Sendón fai referencia a un problema de máxima actualidade como é a especulación inmobiliaria no litoral galego. No filme sublíñase que: "a Costa da Morte está á venda!"

Baixo a fachada de prosperidade económica o fenómeno inmobiliario agacha a emigración, a falla de industrias, a desestruturación económica e a especulación perfilando un futuro no que os pobos se desartellan e onde se promove un desprezo total ao contorno, un contorno que en certa medida é o que nos di quen somos.

A presentación vai ser moi especial porque vai ter lugar na Fragua do Sardiñeiro, un espazo cheo de significación e historia. Segundo a directora "Alá polos anos 40 o fotógrafo muxián Ramón Caamaño chegaba polas vilas e polas aldeas da Costa da Morte, proxectando cinema nos locais que lle deixaban para facelo. Un deses espazos era a antiga Fragua de Sardiñeiro. Entrar, hoxe en día, na Fragua de Sardiñeiro supón unha experiencia única, o pasado é totalmente presente entre labras e ferranchos parecendo como se de súpeto o tempo se detivese e volvésemos compartir esa memoria antiga. Hai 50 anos que non hai cinema en Sardiñeiro, e xa é tempo de que, aínda que sexa por un día, o lugar volva ao cine entre labras e ferranchos".

    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade