Entre 1976 e 1978 traballou en Galicia o valenciano (catalán de adopción) Llorenç Soler. Durante este abano temporal adicouse a continuar as súas experiencias de cine alternativo. En galicia realizou: Gitanos sin romancero (1976) 16mm 33´Autopista, unha navallada a nosa terra (1977) 16mm 30´/Antisalmo (1977) 16mm 15´/Condenados a beber (1978) 16mm. 30´/O monte é noso (1978) 16mm. 33´
Director de Cinema e Realizador de Televisión, especializouse en traballos de carácter cultural, histórico e social.
Os seus primeiros traballos en Cinema datan de 1966, iniciándose no campo do documental social.
52 Domingos (1966), El largo viaje hacia la ira (1969), Gitanos sin Romancero (1976), L’altra normalitat (1981), son algúns dos títulos máis coñecidos da súa vasta filmografía nesta etapa inicial. Até o ano 1981, chega a realizar 24 filmes documentais en 16 mm e 5 curtametraxes en 35 mm.
Xa no campo do Vídeo realiza, entre outros, os documentais: E-vidències (1981), Bilbo (1983), Cada tarde a las cinco (1989), Ciudadanos bajo sospecha (1993), Els Joglars según Dalí (1999), etc., até un total de máis de corenta títulos.
De 1984 a 1990, é o realizador dos programas culturais do canal de televisión TV3 de Cataluña: Galeria Oberta e Trossos, para posteriormente realizar para a mesma cadea a serie de 13 capítulos documentais sobre Patrimonio da Humanidade titulada L’Oblit del passat (O esquecemento do pasado).
Entre 1990 e 1994, realiza documentais para o espazo “Abierto en Canal” de Canal Plus, entre outros Un asunto de mujeres e Mi vecino es un internauta.
En 1998, retorna ao Cinema para dirixir a longametraxe de ficción SAÏD, rodada en Marrocos e España sobre o tema da inmigración clandestina en “pateras”. No ano de 2000, dirixe o seu segundo filme de longametraxe: LOLA VENDE CÁ. Ese mesmo ano, realiza para Canal Plus o documental Francisco Boix, un fotógrafo en el infierno, sobre os españois mortos nos campos de concentración nazis.
En 2001, dirixe unha longametraxe ficción/documental para TVE titulada Max Aub, un escritor en su laberinto, para realizar despois o documental Viure la música (2002), para TV3.
Dentro dos documentais independentes que realizou, cabe destacar Apuntes para una odisea soriana interpretada por negros (2003), Del Roig al Blau (2004) e Por quién doblan las campanas en Calatañazor (2005), sobre a rodaxe do filme “Campanadas a Medianoche”.
O seu último traballo é o documental La Kènia i la seva família, sobre a maternidade dunha parella de lesbianas, para TV3 e en coprodución con Canal Plus.
Algunhas das súas producións foron premiadas, entre outros, nos seguintes Festivais Internacionais: Festival Internacional de Cinema Documental de Leipzig (Alemaña, 1969), Festival Internacional Cinema Documental de Bilbo (1976), Mostra de Cinema Mediterrani (Valencia 1998), Festival de Cinema Español de Nantes (Francia, 1999), Festival de Cinema Histórico de Pessac (Francia, 2000), Festival de Cinema de Málaga (2000), Festival de San Francisco – EUA (2000). Francisco Boix, un fotógrafo en el infierno foi seleccionada nos Estados Unidos como finalista nos premios EMMI de Televisión, na sección de filmes de fala non inglesa no ano de 2000.
En 2005, a súa longametraxe documental Del Roig al Blau recibiu o premio Tirant, de Valencia, ao mellor filme da industria valenciana dese ano. Como Director de Fotografía, foi galardoado en dúas ocasións pola Generalitat de Catalunya (1983 e 1993) como mellor profesional.
Cabe destacar que Llorenç Soler publicou varios libros sobre técnica de Cinema e Televisión (editoriais Gustavo Gili e Cims), impartiu cursos, másters e seminarios en varias universidades españolas, e traballa tamén no campo do xornalismo, da poesía e da pintura.
Entre os últimos recoñecementos á súa traxectoria, é pertinente mencionar a retrospectiva que lle dedica o Barcelona Espai Cinema durante marzo de 2006 na Casa Elizalde de Barcelona.