Este proxecto de animación en 3D realizado por Audiovisual de Servizos Kairos, pretende ser un modesto, pero comprometido pulo a sensibilización solidaria para conservar, protexer e restablecer a saúde e a integridade do ecosistema mariño, en aras dun desenvolvemento sostible baseado nunha nova cultura de cooperación e xustiza social.
Man quere ser un recordatorio da catástrofe ecolóxica acontecida nas costas galegas, utilizando, como fío condutor o símbolo de Manfred Gnädinger.
Esta curtametraxe será un primeiro paso en sentido contrario á liña trazado por outras empresas do sector. Pretendemos, con este proxecto, iniciar unha serie de futuros produtos onde a imaxe real e a dixital se unan nunha perfecta simbiose.
Man irradia misterio e misticismo. É un soñador, un home libre que vive tranquilo en harmonía coa natureza. É feliz no seu xardín máxico que ten como terraza un inmenso océano. Naquel lugar perdido, as rochas cobran vida e as algas danzan ó son das mareas. Recibe constantes visitas das súas amigas as gaivotas, do seu amigo o pescador e en especial, da súa amiga a serea e o delfín.
Man dedica o seu tempo á contemplación e a arte. Aquela mañá, mentres realizaba unha das súas obras coa axuda do seu amigo o pescador, sentiu un forte calafrío.
Unha sensación terrible apoderábase de todo o seu ser. Ó lonxe, no horizonte, advirten que nunha inmensa e escura masa uniforme desprázase ameazante cara á costa.
O pescador e Man son incapaces de facer fronte á horda de criaturas deformes que se achegan inexorablemente ó paraíso creado por man, coa pretensión de destruílo e devorar a beleza que emana das súas rochas.
As criaturas cada vez están máis preto da costa. O azul do mar tínguese de escuridade ó seu paso. Mentres, Man observa a destrución do seu xardín máxico, a súa creación, a obra da súa vida botada a perder nun intre. O pánico faille retroceder mentres a escuridade devora a natureza que el tanto ama, sente que a súa única protección neses momentos é a súa creación, o xardín máxico. Sérvese dunha das súas esculturas para defenderse fronte ás criaturas da escuridade. Estas, non se conformarán con arrasar o entorno, queren apoderarse do creador de semellante paraíso, para que este non poida volver nunca máis a crear un lugar de tanta beleza.
Os seres mórbidos derriban a escultura, Man cae derrubado sobre a area da praia, intenta escapar, pero as criaturas son máis rápidas, nada escapa ó seu escuro abrazo. Man é capturado e os aberrantes terminan coa súa existencia.
Pero uns misteriosos seres vestidos de branco loitarán contra as criaturas, ás que rematan vencendo.
Finalmente a harmonía e a beleza reinan de novo no xardín máxico. A natureza recobra toda a súa forza e grandiosidade, a costa volve a ofrecernos esa luz chea de vida que tiña noutro tempo.
Man rexurde coa axuda da Serea e se renova na forma dunha nova criatura mariña.
Agora xa é realmente libre.
Animación 3d hiperrealista
ObservaciónsPreestrea no I encontro Man de Camelle. Na casa do alemán en Camelle o 17-11-2007
Podes vela en: Flocos.TV: http://flocos.tv/curta/man/