O grande reto, e por outra parte clave da comicidade de Entorrados, reside no feito de que todos os personaxes que aparecen na curtametraxe, sexan humanos ou animais, son interpretados única e exclusivamente por dous actores en permanente estado de metamorfose. Estamos a falar, como non, de Pablo Sánchez e Carlos Sante.
Entorrados inspírase en grandes clásicos da literatura e o cine universais como 13 Rue del Percebe, as películas xaponesas de Godzilla, e as obras mestras de Monty Python.
Estamos ante unha comedia con maiúsculas, que bebe das fontes do vaudeville e dos gags máis delirantes. A miudo atoparémos ó longo das secuencias situacións nas que poidan coincidir seis ou sete personaxes nun mesmo plano, como por exemplo no caso dos “mini-tis” ou do executivo perseguido por unha bandada de paxaros.
A acción desenrólase no que poderiamos denominar un universo paralelo arredor da Torre de Hércules. Entorrados é unha obra orixinal entretida, cómica polos catro costados, surreal, impactante pola súa confección, e con certas doses de poesía.
Entorrados é unha comedia absurda para personaxes excéntricos.
Un día calquera, un domingo quizais, mellor despois do xantar, ou de botar unha soneca... pois o teu traxe de romano, ou a túa perruca de sueco, o teu disfrace de corvo, a túa gabardina con parches, ou esa dentadura que che desfigura o rostro... e vas ti, e baixas á rúa, e sen preguntarte o porqué, camiñas e converxes... déixaste levar por inercia... paseas e chegas... chegas á torre, por que non...a lí vai toda clase de xente... alí podes atopar, un día calquera, quizás un domingo deses de sesta, o do disfrace de lagarto, o dos anteollos saltóns, o gánster fumeante, o que fala para dentro... o que se parece máis a ti.
Torre de Hércules e arredores (A Coruña).
ObservaciónsPodes vela en Flocos.TV: http://flocos.tv/curta/entorrados/