Area nos ollos. A loita por Baldaio 30 anos despois é unha curtametraxe documental que tenta ser un exercicio de memoria histórica sobre un dos acontecementos máis importantes vividos no concello de Carballo. Pero non só é un exercicio local, senón que o que en Baldaio aconteceu encadrouse no que se deron en chamar os movementos en defensa da terra ou do país e que xunto con Xove e As Encrobas conformaron unha tríada de notable importancia na historia da Galicia da transición.
“Xentes con problemas similares viñeron a axudarnos e nós tamén lles axudamos no que poidemos”, son as palabras dunha das voces recollidas neste traballo, voces todas elas protagonistas duns feitos crucias nas súas vidas e que tiveron o seu punto álxido a finais da década dos setenta
O 8 de maio de 1977 Carballo viviu un dos acontecementos máis multitudinarios da súa historia: unha manifestación que reclamaba a devolución da marisma de Baldaio aos vecinos, xa que dende 1947 se atopaba en mans duna concesión marisqueira que o que realmente agochaba era a extracción masiva e ilícita de area da marisma de Baldaio, chegando na década dos 70 a extraerse mási de cen camións de area diarios do lugar.
A extracción repercutía negativamente na vida dos vecinos de Lema. Víanse privados do seu medio de vida, o marisqueo comunal; moitas zonas de pastoreo foron anegadas e non se lles permitía baixar á praia a desfrutar dela; ademais de estarse provocando na zona unha catástrofe medioambiental, debido ao mal uso das comportas, que se abrían e pechaban en función dos intereses da empresa e non segundo as mareas.
Dende o primeiro momento, os vecinos da zona amosaron a súa oposición ao que en Baldaio estaba a acontecer, chegando o seu punto álxido coa manifestación do 8 de maio de 1977 en Carballo e que reuniu a preto de 5000 persoas na capital bergantiñana.
Marisma de Baldaio (Carballo), Lema (Carballo), Carballo
ObservaciónsPodes vela en Flocos.TV: http://flocos.tv/curta/area-nos-ollos/