Amigos invisibles é un thriller psicolóxico. A realización pide debuxo, travellings, maquinaria, despregue técnico... Xa! Mais debemos traballar desde as limitacións. Por iso é perfecto que o neno protagonista desta historia teña un amigo invisible. Un tipo da súa mesma altura que parece seguilo a todas partes (fora maquinaria: soporte dixital, plano fixo para todo; iso si, steadycam para o amigo invisible, e luz natural, localizacións exteriores e corredores cheos de véntanas...; e por suposto intentémonos concentrar na posta en escena).
O amigo invisible permítenos asistir o desenvolvemento da trama desde un lugar moi perto da súa fibra nerviosa (os planos dende o punto de vista subxectivo entrañan un código, unha convención que nos fala da presenza dunha personaxe que non ten “presenza”. Isto, sen dúbida debería imprimirlle á curta unha música particular).
O selo da produción pasa porque o espectador entre no xogo do amigo invisible... E do que hai detrás.
O que hai detrás son, mais alá de cuestións de estilo, as pantasmas da incomunicación, do desconcerto, da rabia, o medo...nun caso de bullying (situación de acoso no ámbito infantil).
Seguimos a un neno que fai ese tipo de cousas “particulares” que adoitan facer preferentemente os nenos que están sós, que se senten sós...Ou non. Porque, quen non tivo a tentación, polo menos algunha vez, de falarlle a un amigo invisible?
Avanzamos de camiño á realización dun cometido que o neno e o seu amigo invisible parecen compartir...Ambos, nun principio ó seu aire no bosque, se poñen en marcha, atravesan as rúas, e chegan ó colexio... Alí manterán encontros cun profesor (e aparentemente único aliado), cunha nena (a fatal historia de amor), con outro alumno (e os seus secuaces)... Nunca saberemos exactamente de qué trata o problema, cal é concretamente o suceso que precipitou os acontecementos, pero de feito a presión mastícase... Algo está en marcha e ao parecer, avanza imparable.
Toda a acción conduce inexorable ao momento no que o neno entre na clase cos seus compañeiros... Mais alí o destino, a sorte ou a súa ausencia, a roda da fortuna vai saltar polo aire.
Santiago de Compostela.
ObservaciónsPodes vela Flocos.TV: http://flocos.tv/curta/amigos-invisibles/
Crítica: CAFÉ & CHURROS: ´Amigos invisibles´ na procura da crueldade