02-03-2009 O vernes 27 de Febreiro, as 16’ 00 na cidade de Porto ((Portugal) o Festival de Cine FANTASPORTO fará a presentación da Mostra de cinema galego organizada pola Axencia Audiovisual Galega e o Festival de Cine de Ourense
No mesmo acto farase unha presentación do Festival de Cine de Ourense.En representación do cinema galego participarán na presentación: Manuel González, da Axencia Audiovisual Galega, Alexandre Sánchez Vidal, Presidente do Consorcio do UUFF e Enrique Nicanor, Director do OUFF
Asemade o sábado día 28 será entregado o premio Homenaxe ao Novo Audiovisual Galego, que recollerá a Axencia Audiovisual Galega en representación dos profesionais galegos.
A 46 edición do Fastasporto ofertou aos cinéfilos unha escolla da última fornada de filmes que saíron baixo o amparo da nova maneira de entender o audiovisual galego. En xeral é unha mostra moi variada – o único denominador común é que todas son producións maioritarias- na que nunha visión transversal pódese dicir que estamos ante unha primacía da mirada de autor, son todas producións independentes, posúen contidos baseados na realidade galega, mais non por iso desbotan un desexo de intentar ter proxección universal e, na súa maioría, con equipo técnico e artístico galegos. Os criterios de selección da escola tiveron en conta moi especialmente a oferta dun conxunto que permitise apreciar a variedade de estilos de produción, temáticas e estilos que están a conformar un novo xeito de producir filmes en Galicia.
Pradolongo, de Ignacio Vilar, é unha peza no que os modos tracidionais de vida vense solapados polo imparábel chegada do progreso. Mais o filme de Vilar destacou alén dos seus contidos xa que foi un grande suceso que conmocionou a distribución e a exhibición cinematográfica en Galiza porque o propio director encargouse de negociar cos cinemas a súa proxeción e acadou un grande impacto mediático.
Mentres, Rafael aínda está pendente de chegar as pantallas comerciais, aínda que xa estivo seleccionado en varios festivais internacionais Este é o terceiro filme do coruñés Xavier Bermúdez e no que realiza unha extraordinaria análise sobre o vouyerismo e a obsesión escópica.
Saltamos ao documental de creación, concretamente ao Eloxio da distancia, de Felipe Vega e Julio Llamazares, para ver un fresco estacional sobre a relación do home e a natureza nas montañas orientais de Lugo.
Outra abordaxe distinta ao mundo da natureza e do ecoloxismo é o filme de animación de grande orzamento O espírito do Bosque, de David Rubín e Juan Carlos Pena e que ven a sinalar o extraordinario momento que está a vivir a animación galega.
Por ultimo A noite que deixou de chover de Alfonso Zarauza e Pedro e o capitán de Pablo Iglesias. Estes dous filmes son o froito temperán da nova política audiovisual galega onde, por unha parte, está representada a irrupción dun novo creador através do camiño tradicional do cinema, no caso de Zarauza, e, por outro, a posibilidade de creadores de acollerse a novas formas de produción dixital, como aconteceu con Iglesias. A noite que deixou de chover é unha fermoso paseo pola cidade de Santiago de Compostela e Pedro e o capitán é unha adaptación dun relato homónimo de Mario Benedeti no que o enfrontamento dramático de dous actores se salda cun abondoso recetario formal.
Estas longametraxes van ser acompañadas cunha serie de curtametraxes de temática fantástica. Agardamos que o público do Fantasporto disfrutase do atrevemento da xuventude do audiovisual galego e desculpe os seus refachos de insolencia.