Taboleiro: Novas

CAFÉ & CHURROS: ´Premio´, unha reflexión posmoderna!

27-04-2007 

Na nosa cita semanal cos comentarios sobre a produción galega do 2006 facémonos eco dunha crítica de Lois Ribeiro, outro colaborador externo da Axencia Audiovisual Galega. De novo, a atención dos nosos convidados recaiu nunha produción dos ´creadores individuais´, na curtametraxe Premio, de Eva Quintas Froufe.

No audiovisual galego a presenza da muller viuse relegada a postos de coordinación e xestión como así o demostran as numerosas mulleres que dirixen os designios dunha produtora en Galicia. Como directoras as mulleres tiveron unha presenza moi reducida e así o demostra a industria actual con presenzas puntuais como Margarita Ledo, Beatriz del Monte, Sandra Sánchez ou Ruth Chao. Mais unha nova xeración de directoras se aproxima e o horizonte é máis que prometedor. Outra vez o semblante optimista o denota a produción de "creadores individuais", neste apartado podemos situar a Eva Quintas Froufe, a realizadora de Premio.

Mais a mirada de Quintas non pretende singularizarse con ningunha proposta de autor ou co manexo dunha temática militante, esta pontevedresa non se arreda moito da industria e propón unha reflexión tan atinada como desenfadada sobre o mundo da imaxe que nos envolve de maneira case pornográfica. Premio é unha curtametraxe na que se da conta dun estrafalario personaxe que participa en moreas de concursos. Mais estes dez minutos dan moito máis que unha comedia chea de humor e gracia…

Premio foi o primeiro proxecto que Eva Quintas afrontou fora dos muros da facultade de Ciencias de Comunicación de Pontevedra onde estudiou Comunicación Audiovisual. Unha formación que deixa transcender na variedade de perspectivas que cruzan a historia. Esta curta parece un prisma con multitude de caras no que ilustrar a variedade que caracteriza ao que chamamos hoxe audiovisual; cinema, televisión, radio, publicidade, fotografía, filmes caseiros, deseño, informática,…

De todos os xeitos non debemos confundirmos isto non é ningunha produción pretensiosa que pretenda cinguirse a un contencioso teórico. Quintas asume, con plena consciencia, toda esa condición para orquestrar un puzzle visual ao servizo da narración. Unha ficción alimentada atraveso de mecanismos documentais sobre todo con aportacións de extractos e entrevistas a informantes (familia, amigos, noiva, veciños,…), distintos materiais de arquivos, anuncios… Unha serie de fórmulas para facer unha biografía-retrato do personaxe que é unha ausencia nunha evidente mostra do que se da en chamar a crise do suxeito. Esta lagoa mantense ata o final, ata que unha conclusión metalingüística por en tela xe xuízo incluso a cuestión da autoría.

Neste punto as referencias son obvias: unha mestura de Zelig de Woody Allen a Sospeitosos habituais de Bryan Singer. Mais non, non tampouco hai que irse tan lonxe na equivalencia de propostas... Así contamos cun referente máis próximo, nacido en Ourense, o director de Concursante. A Rodrigo Cortés aínda o lembramos por aquela xoia de curtametraxe titulada 15 días que acaparou moreas de premios por medio mundo. Aparte de posíbeis inspiracións ou homenaxes (o pesonaxe de Premio apelídase Cortés) o esquema que manexa Quintas é moi parecido, mais en menos tempo ofrece un maior esparexemento de cáustica ironía sobre o que estamos a ver.

Pois si, Premio é a proposta audiovisual galega que máis comulga con iso do que se deu en chamar posmodernidade. A historia vai alén de ser un alarde situacionista que pretende increparnos contra os perigos do materialismo ou o consumismo no mundo de hoxe. A narración está fragmentada ao máximo sendo un ensamblaxe de distintos materiais procedentes de distintos medios e comunicación. Unha violentación cara o relato audiovisual por medio dunha hipérbole na enunciación. Unha estética videoclipera que alude á fascinación pola imaxe e, ao mesmo tempo, está a repensar a representación. Unha suma de imaxes de distintas naturezas que se engarzan como un rizoma de significados para facer un verdadeiro eloxio á alteridade… Mais este obxectivo cómprese por medio dunha constante que é o distanciamento do espectador sobre a curtametraxe en si. O público cuestionase permanentemente o que está a ver; unha curtametraxe documental, unha ficción, unha reportaxe televisiva, comedia resolta con excelentes gags, un espectáculo mediático, un publirreportaxe, unha mitoloxía da aparencia, unha brincadeira pop, un artificio autorreflexivo…

Polo tanto, a xeito de resumo podemos dicir que Premio é un complicado e ambicioso xogo de espellos no que se amplifica e se deixa moi patente a plusvalía da imaxe.

Lois RIBEIRO

PREMIO (2006)

  •  

Comentarios

Enviar comentario

Código de seguridad
Normas de uso
- Estas son as opinións dos internautos, non da AAG.
- A Axencia eliminará aqueles comentarios ofensivos ou que vulneren a legalidade.
- Para publicar o comentario deberá confirmalo no seu correo electrónico.


    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade