Taboleiro: Novas

CAFÉ & CHURROS: ´A rosa dos ventos´, transgresión homérica

04-05-2007 

Outra vez máis pechamos a semana cun comentario sobre unha produción galega do 2006. Nesta ocasión volve a visitarnos a sinatura de María Gondar. A nosa convidada seleccionou para o seu novo comentario a curtametraxe A rosa dos ventos de Jairo Iglesias, segundo a nosa analista, "un retrato dunha Penélope contemporánea".

Unha vez máis a miña atención fíxase nunha obra dirixida por un home na que a protagonista é unha muller. Unha interesante diatriba na que primeiro Daniel D. García con Meniña e logo Jairo Iglesias con A rosa dos ventos saen airosos do reto. Mais nunha primeira conclusión deste feito vemos como o universo feminino permite desenvolver esquemas de narración cinematográfica máis férreos amparados dentro do difícil xénero do melodrama. Este apoio non ten porque valorarse negativamente xa que o territorio das curtas son vehículos de aprendizaxe para transitar dentro da experimentación e consolidar estilos.

Falar de Jairo Iglesias pode resultar retórico. É un dos curtametraxistas máis asentados dentro do panorama galego, un dos de maior talento, un dos máis mediáticos e, aínda por riba, o director máis novo. Apesares de non chegar aos 20 anos Iglesias xa leva unha incursión no mundo audiovisual de case un lustro. Unha traxectoria tan precoz como estudiada que xa deu os seus froitos de calidade. Así, dentro da súa filmografía xa destacan outras dúas curtametraxes; Retrato e Cicatrices. Unhas obras interesantes das que podemos perfilar o gusto do director por historias íntimas protagonizadas por mulleres.

Tamén falábamos do carácter mediático de Iglesias, a sorpresa de que un mozo da súa idade dirixa obras tan adultas resulta moi atractivo para os medios. Grazas a esta atención sabemos das filias de Iglesias como émulo de Amenábar, outro director que, tras pasar polas curtametraxes, fixo a súa ópera prima con moi poucos anos. Mais este elemento biolóxico non me interesa o máis mínimo, quizais está ben para criterios de marketing cinematográfico (polo que xa quedan avisados os productores galegos), mais a min gustaríame ir un pouco máis alá.

Que Jairo Iglesias escollera a Amenábar como referente a seguir non é casualidade. Tendo en común o seu rápido inicio na práctica audiovisual, esta empatía sostense nunha traxectoria modelo a seguir dentro da industria e cunha serie de concomitancias dentro da súa escritura fílmica.

Rebobinemos! Se falar de Iglesias e falar de Amenábar, falar de Amenábar e falar de Spielberg (isto último é vox populi). Polo tanto Jairo Iglesias está chamado a ser o "Spielberg galego". Mais argumentemos, non vaia ser…

A rosa dos ventos atopamos un receitario de elementos ortográficos que xa demostraron de sobra a súa valía dentro do cinema comercial (Spielberg-Amenábar). Deste modo vemos como Iglesias recorre ao sempre efectivo plano medio con lixeiro contrapicado, ideal para situar o espectador e reforzar a consideración dos personaxes. Tamén temos unha excelente composición do formato panorámico (posta en escena, baleiros, plano contra plano,…). Insistindo en cuestións formais vemos un gusto por planos enfáticos e polo ralentí. Ao mesmo tempo temos diálogos de ascendencia clásica dados ás sentencias ilustrativas ("a miña vida é como un barco nunha botella"). Aínda por riba, temos unha narración complementada por unha música afectada case limitando co exceso. Asemade, sempre aparece algunha escena confusa na que se evidencia o artificio do relato. E, finalmente, tamén notamos un degusto por certo lirismo visual de tendencia efectista.

Mais imos ao que verdadeiramente interesa… A rosa dos ventos poderíase titular "variacións sobre o rostro dunha muller". Esta curtametraxe non podería entenderse sen a participación da actriz Belén Constenla onde a súa faciana representa todo un mundo de dor e sufrimento. Unha construcción intensa dun vertixe vital que converte á protagonista nun delicado cristal a punto de escachar. Ao longo do metraxe vemos como a actriz fía interpretacións que están no límite da cordura e o fai cunha contención que asusta, máis entre todas as secuencias destaca a do porto na que Jairo Iglesias filmou, sen tremerlle a man, un dos primeiros planos máis fermosos da historia do audiovisual galego. Sobra dicir que este traballo ven a resaltar como o audiovisual galego pode ter uns vimbios excelentes á hora de dispoñer de bos actores (algúns aínda por descubrir).

Nesta altura é necesario "unha volta de parafuso"… O papel de Rosa é o dunha Penélope contemporánea. Aquí está o maior logro de Jairo: cómo remexe nunha obra clásica e fai unha intelixentísma transposición aos nosos días. Unha historia universal encadrada dentro do específico galego (menuda lección impartida polo chaval!). Jairo Iglesias violenta unha das obras que constitúe un dos piares da cultura occidental, a Ilíada de Homero, para contar a súa historia particular: qué pasaría se Penélope non tivera paciencia para agardar a Ulises? A rosa dos ventos da unha resposta tráxica a esta pregunta facendo unha (re)actualización dos roles femininos moi revelador dos cambios na sociedade na que vivimos. Mais a historia de Rosa non deixa de ser un drama aguzado por un romanticismo feroz no que a poética da lembranza e o tormento da memoria evidenciase en cada plano.

Para finalizar gustaríame subliñar que A rosa dos ventos constitúe un dos máis sentidos homenaxes a todas as mulleres de mariñeiros galegos que agardan, cheas dunha incerteza desmedida, o regreso do seu "Ulises".

Comentarios

Enviar comentario

Código de seguridad
Normas de uso
- Estas son as opinións dos internautos, non da AAG.
- A Axencia eliminará aqueles comentarios ofensivos ou que vulneren a legalidade.
- Para publicar o comentario deberá confirmalo no seu correo electrónico.


    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade