12-05-2007
Neste interludio de distensión no que se converteu esta cita semanal, hoxe tócalle a quenda a Cartoons de Giselle Llanio Rosabal. Esta é a curtametraxe na que se fixou Lois Ribeiro por que, segundo o noso colaborador, é un "perfecto artefacto que permite un estudio detallado sobre a construcción de imaxinarios".
Folga dicir, debido á reiteración noutras crónicas tanto miñas como de María Gondar, que no ano 2006 déronse a coñecer un abondoso número de mulleres directoras de grande talento e que as súas obras realizadas atópanse entre o máis sobranceiro desta promoción. Giselle Llanio é unha delas, mais, entre todas, é a que ten maior experiencia nisto do eido audiovisual xa que tivo moitos traballos relacionados coa ficción televisiva. Porén, hai que facerse a seguinte pregunta: que necesidade ten unha profesional consolidada no mundo catódico en meterse a facer curtametraxes a través da convocatoria a creadores individuais?
Pois ben, Giselle Llanio atopou na curtametraxe o vehículo idóneo co que contar unha historia propia, persoal, que verdadeiramente lle interesaba sen estar suxeita a imperativos industriais. Sentiu a necesidade de crer nun proxecto de seu, acompañalo da man por todas as fases da súa realización e controlar todos os axentes que interveñen na súa materialización. Cartoons móvese por un territorio persoal e íntimo, contada como se fora un conto mais, ao final, atopámonos cunha fábula desenganada. O que podería ser contemplado como unha curtametraxe para nenos, de temática infantil, convértese nunha adulta diagnose do desencanto, nun xermolo existencialista derivado das friccións ás que nos somete a vida.
Cartoons é a ilustración do final da infancia, do espertar dun neno ante o mundo, a perda de inocencia ante esa realidade que se dá en denominar "pura e dura". Giselle Llanio configura unha ficción en torno a un rapaz que, por medio dos seus xogos, vai mudando a súa percepción sobre o mundo. Así, pasa das leis imposíbeis que rexen o mundo dos debuxos animados (cartoons) ás leis inmutábeis do mundo "real". Deste modo, a directora xoga con esa dialéctica entre dous mundos opostos para sacar o significado da súa proposta.
Quen, de pequeno, non se sentiu influído polas peripecias reiterativas dos personaxes de debuxos animados? A imaxe animada pasa por ser os alicerces co que o "ser humano espectador" comeza a codificar mensaxes audiovisuais. Cartoons é un perfecto artefacto que permite un estudio sobre esa fase preliminar da construcción de imaxinarios. Unha inxenuidade perturbadora enganchada a sorrisos e gargalladas derivadas de excesos de inverosimilitude. Co paso dos anos os nenos van establecendo analoxías e van sendo conscientes da capacidade e potencialidade do artificio. Deste modo, de maneira paralela ao desenvolvemento do cerebro, a ficción tórnase como o aliciente máis rotundo para o fomento da ilusión.
Esta encrucillada non é nova, o cinema sentiuse atraído por estes conflictos porque así podía servir para evidenciar a súa natureza, as leis da representación. Agora véñenme á cabeza filmes como Quén ama a Rogger Rabbit ou Space Jam, que misturan imaxe real con imaxe de ficción, ou filmes de ciencia ficción nos que se confunden mundos paralelos como na célebre Matrix, O último grande heroe ou O sexto sentido. Mais Giselle Llanio arrédase desa perspectiva pretenciosa e conta unha historia sinxela case naïf, recreando un mundo idealizado cunha liña agradable de humor surreal na liña do célebre Jacques Tati (As vacacións do Sr. Hulot, Meu tío, Trafic, Play-time). A referencia aos debuxos son as leis baixo a que se organiza a presentación e o nó do relato, mais tamén está presente a estética dos debuxos na planificación das imaxes, na fragmentación do encadre, na banda sonora (música e recursos de son) ou na inclusión de imaxes televisivas de debuxos animados. E é neste punto no que hai que falar dos homenaxeados, o Correcamiños e o Coiote, eses cartoons creados polo inefábel "Chuck" Jones.
Este binomio icónico universal é unha representación maniqueísta e desapiadada da vida: o Correcamiños representa o inalcanzábel e o Coiote o cazador incansábel de soños. Cartoons é a historia do descubrimento de que o mundo dos soños móvese por un réxime diferente ao da realidade. No mundo dos debuxos animados non existe a dor, o sufrimento e a morte. A realidade está asolagada pola poética do Coiote, un can que representa, de maneira inigualábel, a figura do perdedor por excelencia, personaxe capital no mundo da literatura americana. O Coiote é a personificación do antiheroe, unha atribución que compartimos todos xa que todos, sen remisión, perdemos…
Ben, nesta altura a crítica volvéuseme moi triste e negra máis esta transformación e inquedanza é a que se pode percibir vendo Cartoons de Giselle Llanio, o que comeza como un conto de nenos convérsese nunha lección maxistral sobre a vida.
Mais agora non me resisto a darlles un consello e miren a curta ata o final, ata os títulos de crédito. Neles está a conclusión da curta, onde cun só plano é capaz de ilustrar os perigos que Jean Baudrillard alertaba no seu libro Pantalla total. Mais a esta altura non convén poñerse nin transcendentes nin pretenciosos e hai que buscar unha analoxía máis acorde, así, o final de Cartoons está case á mesma altura que o de 2013, rescate en L. A. do sempre respectábel John Carpenter.
I-i-iso é todo amigos!
Lois RIBEIRO