Taboleiro: Novas

CAFÉ & CHURROS: ´Amelia e as sereas´, unha fábula terrorífica

25-05-2007 

Tras unha semana sen eles... regresa... Café & Churros, e para esta ocasión tan celebrada volve a escribir a nosa colaboradora externa María Gondar. Desta vez esta convidada da Axencia Audiovisual Galega asina unha crítica sobre a curtametraxe de Ghaleb Jaber titulada Amelia e as sereas "unha historia narrada entre o fío da fábula e o terror".

Lois Ribeiro, o meu compañeiro nestas lides, comentou, no seu último Café & churros, que Rosa dos ventos de Jairo Iglesias era un interesante achegamento ao universo feminino, pois, nesas, hai que dicir, que Amelia e as sereas de Ghaleb Jaber non o é menos. Resulta curioso como os homes directores céntranse en historias de mulleres para enxergar as súas producións, lembremos tamén o caso de Daniel D. García con Meniña. Mentres, as mulleres directoras vólvense máis atrevidas nas súas historias e experimentan dunha maneira máis ousada e libre. Neste punto cabe preguntarse, o porque desta diferenciación no interese das historias que contan as mulleres e os homes?

Na miña opinión este feito débese a que os homes séntense máis atraídos cara a densidade dramática, cara o palimpsesto (esquema repetido), procuran seguridade no artificio do xénero, neste caso o drama máis visceral. Estas vías son de tráfico denso mais logo torna singularizar a proposta cunha "volta de parafuso" e aquí é onde está a orixinalidade das tres obras xa referidas. Así Meniña ten unha esencia contida e Rosa dos ventos desfase nunha transposición clásica, mentres, Amelia e as sereas sobrevive na ambigüidade do relato xa que é unha historia narrada entre o fío da fábula e o terror.

Mais para falar de Amelia e as sereas resulta oportuno sinalar a orixe da historia xa que Jaber baseouse nun relato breve de Noela Fernández-Abor Batallán. Este feito, o das adaptacións, hai que destacalo simplemente porque este proceso non é moi normal no audiovisual galego, un sector pouco proclive a este tipo de sinerxías por moitas conferencias ou Culturgales que se organicen. Mais con este factor non me estou a referir a esta curta como un logro estratéxico na institución cinematográfica senón que está orixe mantense no deseño e na configuración da historia.

Amelia e as sereas posúe un variado mostrario de modalidades de narración. Bahh, isto que resulta tan críptico convén explicalo! O director desta curta procurou enriquecer a historia con narracións complementarias (telling) que fortaleceran o que se ve (showing). Ui, ui, ui, que me estou leando e me estou convertendo nunha seareira da literatura comparada! Ben, agardo explicarme de maneira axeitada se digo que Amelia e as sereas navega con xeito polos distintos modos da narración: contos, lendas, tradicións, marionetas, soños, simbolismos, apuntamentos fantásticos… Todos uns artificios trenzados ao servizo dunha liña argumental máis importante. Mais que sucede con este efecto? Pois todas estas incrustacións serven para suavizar ou distanciarse sobre o que conta Amelia e as sereas: unha historia dura, violenta e, incluso, por momentos, terrorífica.

Mais este recurso hai que acompañalo como corresponde e Jaber acerta na escrita das imaxes, co ton e co pulso narrativo preciso. Así o receitario enunciativo é exemplar: o ritmo é pausado, a realidade fíxase en planos detalle que serven para encubrir o drama (malos tratos, violación), os obxectos énchense de significantes, as miradas tórnase delatoras, a música incita á inquedanza, as metáforas conviven entre a poesía e a crueldade, encadres coidados… Por ende, outra vez, e xa non sei cantas veces hai que dicilo, os actores galegos convértense en vimbios fundamentais para transmitir credibilidade á ficción, entre todos eles destaca Rosa Puga, un verdadeiro exercicio de contención na derrota.

Neste punto tocaría facer referencias a que a curta se parece a tal ou a cal filme, mais con esta curtametraxe resultaría infructuoso a práctica da analoxía. Si, a temática (os malos tratos de xénero) pode ter producións parellas, agora mesmo venme á cabeza Te doy mis ojos de Icíar Bollaín ou Solo mía de Javier Balaguer, mais escuso de facer o intento de afondar nesta cuestión porque Jaber nos leva a un mundo único. Jaber demostra a súa autoría á hora de proceder a contarnos unha historia cunha mirada sorprendente e estraña.

No prólogo da curta hai unha secuencia onde un vello mariñeiro ensínalle a unha nena a ver o mundo de distinto xeito a través dun burato dunha pedra. Esa secuencia resume a esencia da intención do autor. Así o director fai de vello mariñeiro e nos propón unha cuestión inquietante na que nos ven a dicir que a realidade pode ser distinta segundo o burato por onde se vexa. Asemade, convéncenos de que hai realidades ocultas que son terríbeis e das que a penas nos damos conta ou oímos falar. Mais tamén o corolario que o director nos ofrece para reconfortarnos é que, as veces, podemos fuxir dos problemas -por moi terríbeis que sexan-, a través da ficción, situándonos ao pairo da ilusión e crendo, porque non, que os soños poden ser posíbeis.
(p.N.)
María GONDAR
AMELIA E AS SEREAS (2006)

  •  

Comentarios

Enviar comentario

Código de seguridad
Normas de uso
- Estas son as opinións dos internautos, non da AAG.
- A Axencia eliminará aqueles comentarios ofensivos ou que vulneren a legalidade.
- Para publicar o comentario deberá confirmalo no seu correo electrónico.


    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade