Taboleiro: Novas

CAFÉ & CHURROS: ´Danza na terra´ e diálogos co lugar

20-07-2007 

O refrixerio desta semana é unha procura dun punto intermedio entre a pausa e o movemento. O Café & Churros que realiza nesta ocasión a nosa ben querida María Gondar, lévanos a comentar a curtametraxe de Xosé Vilaboy, Danza na terra: “unha sucesión de circunstancias significantes que poñen en relación ao home coa natureza”.

Estamos movéndonos por outro dos proxectos máis arriscados da produción galega do 2006. Podemos dicir que está ao abeiro da etiqueta de “creadores individuais” mais o seu director, Xosé Vilaboy, é un realizador con experiencia contrastada no terreo da videocreación. Mais despois de moitos anos de silencio volveu a sentir a necesidade da creación grazas a posibilidade brindada polas axudas da Consellaría de Cultura e Deporte. Este é outros dos puntos que hai que gabar da producción do 2006, o labor de recuperación de valores e talentos que ficaban perdidos ou descorazonados ante os xuízos viciados de falta de risco nas resolucións de anteriores convocatorias.

Non obstante, a pesares do longo tempo que interrompeu a traxectoria de Vilaboy, vemos como é un proxecto continuísta dentro da súa carreira. Hai que pensar que antes de Danza na Terra o seu anterior filme Batea, que data do ano 1999. Estas obras forman parte dun proxecto ambicioso dunha triloxía onde remarcar o contacto do home cos distintos medios naturais. Mais para conseguir este obxectivo Vilaboy ve como único medio expresivo a videodanza. A gravación en vídeo dunha serie de números de baile na que se reflicte unha sucesión de circunstancias significantes que poñen en relación ao home coa natureza.

Danza na terra camiña pola estreita fronteira entre o documental e a ficción. Vilaboy interesase no que acontece nunha aldea perdida na Serra do Courel cando chegan un grupo de artistas a convivir durante eses escasos días con Celestino o único habitante desa localidade. Mais estes “artistas” afrontan ese diálogo co lugar configurando unha serie de números de danza, unha coreografía deseñada polo colectivo Pisando Ovos. Nun principio poderíase chegar a creer que estamos dentro dun revival dos musicais dos setenta que realizou a grande industria hollywoodiense, agora mesmo venme á cabeza musicais como Jesucisto Superstar (1973) de Norman Jewison ou Hair (1979) de Milos Forman. Non, non crean non me estou a “tirar da moto”, Danza na terra ten moito que ver co espírito das obras reseñadas. Hai que pensar que a comezos dos anos setenta estamos no clímax do movemento hippy e contracultural americano. Vilaboy, afronta as mesmas diatribas a comezos do século XXI, incluso son capaz de dicir que ten moitos máis compoñentes apocalípticos.

Imos ver, Danza na terra propón un ecoloxismo reactualizado no que sae á luz a interacción do home coa natureza, a bifurcación na evolución parella e respectuosa, a tensión dos conflictos, a comuñón da boas adaptacións ao territorio… A danza permite todo iso porque pon ao corpo dentro dun accionismo expresivo, dunha dinámica plástica en que abrangue o espazo, intervindo nel con movementos e con xestos. Desta dinámica o corpo transmite sensualidade e erotismo levándoo a ser un interface eficaz coas forzas telúricas.

Unha videodanza como Danza na terra entra en contacto con moitas variantes da arte contemporánea. A videodanza posúe moito de “arte durminte” no que se documenta unha práctica artística circunstancial. Mais este rexistro dunha práctica artística efémera hai que sumar a súa implicación co escenario. Desta vez Vilaboy sitúa a acción nunha aldea perdida do Courel case despoboada. Danza na terra comeza a evidenciar certos efectos derivados do Land art buscando o interese en conxuntar espazos, na procura de territorios soñados e utópicos, no pasado, sublimando as pegadas humanas, explorando o resto de culturas desaparecidas ou en serio perigo de desaparición, nas manifestación artísticas procesuais, na antitecnoloxía, no anticonsumo,… Danza na terra vólvese cativadora porque aborda co baile espazos abertos, praderías, carballeiras, muíños,…

Danza na terra é como unha viaxe cara aos últimos espazos onde o home tivo un contacto de ti a ti coa natureza. Un viaxe cara a experiencia sublime, cara a significación da paisaxe case que entronca co Romanticismo decimonónico. Vilaboy detense nesta compoñente con interludios documentais, con panorámicas, con cimos de montañas recortadas no ceo, cos silencios, con presenza suxerente dos catro elementos da natureza (terra, aire, auga e lume), cons sons dos paxaros, coa presenza de animais, coa vida monótona e imperturbable de Celestino.

Mais Danza na terra dista moito de ser mero vehículo no que resaltar os problemas do progreso humano ou certa tendencia cara o pictórico e as imaxes de postal. Vilaboy tamén propón certas inquedanzas conceptuais de grande calado. Dentro do manifesto antitecnolóxico en Danza na terra entra a debate sobre cuestións ontolóxicas da práctica creativa entrando a diferenciar entre arte e artesanía. Esta analoxía vólvese interesante xa que, unha vez máis, Vilaboy interesase por cuestión da vida tradicional. Este apoio etnográfico arroupa a Danza na terra, converténdoo aos bailaríns e ao espectador en miradas visitantes que evidencian o choque de dous mundos. Miradas peripatéticas estrañadas en busca de inspiración ou da salvación na arte. Os artistas realizan as súas obras usando distintas disciplinas (fotografía, escultura, pintura,…). No último día o único habitante da vila érguese e os visitantes desapareceron deixando como agasallo os seus traballos.

Danza na terra fai situar á danza como unha acción ou un performance. O discurso do tempo faise presente por multitude de camiños. Ao final, o medio evidenciase, e o vídeo tórnase como o mellor aliado para inmortalizar e condensar o devir ahistórico. O audiovisual é un viaxe polo tempo, a danza é tempo e espazo, o escenario ven marcado e condicionado pola imparable evolución do paso do tempo. Danza na terra emprega o baile para dar unha nova perspectiva antropolóxica da desaparición dunha forma de vida e unha vinculación co lugar.
María GONDAR

DANZA NA TERRA (2006) (Xose Vilaboy)

Todos os CAFÉ & CHURROS

  •  

Comentarios

Enviar comentario

Código de seguridad
Normas de uso
- Estas son as opinións dos internautos, non da AAG.
- A Axencia eliminará aqueles comentarios ofensivos ou que vulneren a legalidade.
- Para publicar o comentario deberá confirmalo no seu correo electrónico.


    Mapa web  |  Nota legal  |  Accesibilidade